MASORANGE, o principal operador de telecomunicacións estatal en número de clientes do Estado, aliouse con Ericsson para converter a súa rede móbil na infraestrutura 5G máis moderna, aberta e programábel de Europa. Grazas á implementación da tecnoloxía Open RAN, esta nova rede ofrecerá maior velocidade, capacidade de expansión e unha cobertura mellorada tanto en zonas urbanas coma rurais.
O uso de Open RAN permitirá o desenvolvemento de novas APIs e interfaces abertas, impulsando a creación dun ecosistema de desenvolvedores que promoverán a innovación mediante redes programábeis. Isto abre a porta a novos servizos e aplicacións que beneficiarán tanto a particulares coma a empresas e administracións públicas no conxunto do Estado.
Compromiso coa sustentabilidade
A modernización da rede tamén busca reducir o consumo enerxético e a emisión de gases contaminantes, en liña co compromiso -e as obrigas lexislativas- de MASORANGE co medio ambiente. Este enfoque sostíbel contribuirá á loita contra o cambio climático, grazas ao uso das últimas tecnoloxías de Ericsson, que permiten unha operación máis eficiente e respectuosa coa contorna.
5G SA tamén en zonas rurais
Por último, a expansión das bandas de frecuencia e a mellora de cobertura 5G, financiada parcialmente polos Fondos de Recuperación Europeos, permitirá que o 5G Stand Alone (5G SA) chegue ás zonas rurais, reducindo a fenda dixital que aínda padecemos no noso país.
Con este novo despregamento, MASORANGE ofrecerá a rede 5G máis potente e de alto rendemento, situándose entre as compañías que máis teñen avanzado na posta en marcha das redes Stand Alone.