Portugal dobra a España en velocidade de Internet móbil

Datos recentes de nPerf, recollidos entre xaneiro e setembro de 2024, poñen en evidencia unha diferenza significativa na velocidade de descarga de internet móbil entre España e Portugal. Mentres que no Estado español a velocidade media acada os 85 Mbps, o país veciño duplica esa cifra cunha velocidade media de 177 Mbps, situándose como o país máis rápido entre os analizados. Así, Portugal lidera en velocidade, mentres que o Reino Unido ocupa a última posición.

Nese cadro europeo da velocidade de Internet móbil, o Estado español sitúase por baixo de Francia (113 Mbps), Irlanda (102 Mbps) e Alemaña (99 Mbps), pero por diante de Italia (81 Mbps) e Reino Unido (80 Mbps). Malia que todos estes países superan os 25 Mbps de media —suficiente para o streaming en 4K e outros usos esixentes—, as diferenzas son notábeis. Esta variabilidade débese a varios factores, como as infraestruturas de rede, as políticas de investimento en telecomunicacións e a implantación de tecnoloxías avanzadas como o 5G.

No caso español, os operadores Movistar, Vodafone, Digi e as marcas de Masorange (Orange, MásMóvil e Yoigo) contribúen á media de 85 Mbps con tecnoloxías que abranguen 3G, 4G e 5G. Con todo, esta velocidade xeral pode ser insuficiente para quen procura un rendemento superior en aplicacións máis intensivas, como xogos en liña ou videoconferencias de alta definición.

O dispositivo empregado tamén inflúe na velocidade de conexión. En España, o smartphone máis rápido rexistrado foi o Xiaomi 12, cunha velocidade media de 220 Mbps, mentres que en Portugal o iPhone 15 Pro Max acadou os 269 Mbps. Esta diferenza suxire que as usuarias que dispoñan de modelos recentes poderán aproveitar mellor as redes móbiles de última xeración.

A importancia dunha boa velocidade de descarga

Contar cunha alta velocidade permite beneficios tanxíbeis no uso cotiá, como streaming de alta calidade, videoconferncias sen interrupcións, descargas rápidas de arquivos e xogos en liñas sen latencia.

En termos de navegación, nPerf atopou que o tempo medio de carga de páxinas en España é de 3,2 segundos, un dato idéntico ao de Portugal. Irlanda, cun tempo de carga de só 2 segundos, lidera en velocidade de navegación.

Sobre o autor

Reply