Telefónica xa ofrece network slicing 5G, para garantir a conectividade empresarial sen saturación

Telefónica vén de anunciar a incorporación do network slicing 5G ao seu servizo de Movistar Intranet. O networki slicing é unha tecnoloxía que permite dividir unha rede 5G en “segmentos” ou subredes virtuais. Cada unha destas subredes está dedicada a un tipo de servizo ou actividade, o que permite que se adapten a necesidades específicas, garantindo unha maior eficiencia e evitando saturacións. Isto é especialmente útil en sectores como a sanidade, a industria 4.0 ou o transporte, onde as conexións deben ser rápidas, seguras e dispoñíbeis en todo momento, sen importar a demanda das usuarias.

Movistar, pioneira no uso do network slicing no noso país

Telefónica, baixo a súa marca premium Movistar, vén de lanzar no noso país o primeiro servizo de network slicing 5G para empresas e administracións públicas, chamado Movistar Intranet con network slicing 5G. Este servizo permite crear redes privadas de alta calidade, pensadas para garantir a conexión segura e sen interrupcións en situacións de alta demanda, como eventos multitudinarios ou zonas turísticas en tempada alta.

Este novo servizo de Movistar diríxese a 800 clientes empresariais que suman preto de dous millóns de liñas activas. Con esta tecnoloxía, as empresas poderán interconectar os seus dispositivos e acceder ás redes corporativas con seguridade desde calquera lugar, sen depender da conexión fixa da oficina. Isto será especialmente útil para facilitar o teletraballo e mellorar a eficiencia en sectores que precisan conexión constante e de alta calidade, como a xestión de flotas de vehículos conectados ou as comunicacións críticas en emerxencias.

Usos potenciais do network slicing

A tecnoloxía do network slicing ten múltiples usos en contextos tan diversos como o da sanidade dixital (eHealth), a industria avanzada (Industria 4.0) e os coches conectados. Por exemplo, nas empresas de xestión de flotas, o network slicing axuda a priorizar as comunicacións entre vehículos e centros de control, garantindo a seguridade e a resposta rápida ante calquera incidencia. Tamén podería facilitar a conexión esta´bel en eventos masivos, onde dispositivos como caixeiros automáticos ou sensores precisan estar operativos a pesar da alta demanda.

Dispoñibilidade de Movistar Intranet con network slicing 5G

Movistar Intranet con network slicing 5G xa está dispoñíbel desde o 31 de outubro de 2024, tanto para empresas como para administracións públicas. Este avance marca un paso importante para a adopción de redes 5G de alta calidade, permitindo que diferentes sectores aproveiten todo o potencial desta tecnoloxía e melloren a súa eficiencia e conectividade en tempo real.

Sobre o autor

Reply