A marca vivo vén de presentar no noso país o seu último smartphone de gama media, o vivo V40 SE 80W. Trátase dun dispositivo pensado para ofrecer unha experiencia de usuario avanzada grazas a unha pantalla de alta calidade, carga ultrarrápida e un rendemento eficiente.
Cunha pantalla AMOLED E4 de 6,67 polgadas con resolución FHD+ e unha frecuencia de refresco de 120Hz, o novo smartphone de vivo promete unha experiencia visual fluída e brillante. Grazas ao seu brillo máximo de 1800 nits, a pantalla ofrece unha visibilidade óptima, mesmo a plena luz do sol, e minimiza a fatiga ocular coa certificación SGS Eye Care Display.
A súa cámara principal de 50 MP, complementada cun gran angular de 8 MP, garante fotos detalladas e de alta calidade. Ademais, a cámara frontal de 32 MP e as funcións avanzadas como o modo nocturno e vídeo dual permitirán capturar momentos inesquecibles en calquera situación.
No seu interior integra un procesador Qualcomm Snapdragon 4 Gen 2, xunto con 8 GB de RAM (expandíbeis con 8 GB de RAM virtual), que aseguran un rendemento fluído e multitarefa. O fabricante apunta a que o teléfono está optimizado para manter o seu funcionamento co mellor rendemento durante 50 meses.
Carga rápida de 80 W e conectividade avanzada
A súa batería é de 5000 mAh, compatíbel coa tecnoloxía de carga rápida FlashCharge de 80W, que permite cargar o dispositivo nun tempo mínimo e mantendo unha duración suficiente para todo o día. Segundo vivo, o smartphone poderá manter o seu rendemento máximo durante 4 anos, un punto importante para quen busca un teléfono que aguante o paso do tempo.
Destaca tamén as súas opcións de conexión, que inclúen compatibilidade 5G, Bluetooth 5.1 e NFC para pagos móbiles. Dispón tamén de desbloqueo facial e mediante pegadas dixitais baixo a pantalla, así como protección IP64 fronte auga e pó.
Dispoñibilidade e prezo
O novo vivo V40 SE 80W xa está dispoñíbel no noso país, onde se pode adquirir nos acabados Imperial Black e Titanium Silver. O seu prezo é de 329 €.
Ademais, durante o seu lanzamento, ofrécese cun pack especial que inclúe cargador e auriculares vivos TWS 3e con cancelación activa de ruído de forma totalmente gratuíta.
