MASORANGE, a maior compañía de telecomunicacións do Estado nada da fusión dos grupos Orange e MásMóvil, iniciou unha importante reestruturación que inclúe a desaparición das súas marcas secundarias Virgin Telco e Llamaya. Un cambio co que a compañía busca simplificar e consolidar a súa oferta arredor das marcas máis potentes do grupo.
Virgin Telco, que xa non aparece no mural de marcas de MASORANGE, deixou de aceptar novas contratacións na súa web. A actual clientela poderá manter as súas tarifas por un ano; logo, recibirá unha oferta para migrar a outra operadora do grupo ou finalizar o contrato sen penalizacións. Segundo Cinco Días, ao contactar co número 900 840 280, un contestador automático ofrece servizos de outras marcas do grupo, evidenciando a transición.
Pola súa banda, Llamaya, que se especializaba en tarifas para chamadas internacionais, tamén está no proceso de peche. Compartindo público con outras marcas de MASORANGE orientadas a migrantes, como Lycamobile e Lebara, a empresa decidiu simplificar a súa oferta e eliminar Llamaya no medio prazo. Aínda que os servizos se poden contratar na súa web, deixarán de estar dispoñíbeis en breve.
Un proceso de concentración de marcas
A estratexia de MASORANGE busca centrarse en marcas fortes, como Yoigo, MásMóvil e Pepephone, ou as tres marcas rexionais (R en Galiza; Euskaltel no País Vasco; e Telecable en Asturias), simplificando o seu catálogo.
Con esta reestruturación, MASORANGE quere mellorar a súa competitividade e optimizar a súa oferta no mercado de telecomunicacións, eliminando aquelas marcas que non encaixan na nova estratexia do grupo.