O 82% das nais e pais que teletraballan permiten que as súas crianzas empreguen os seus dispositivos de traballo

O estudo Working Parents, realizado por Cisco, revela que oito de cada dez nais e pais en España prestan os seus dispositivos de traballo ás súas crianzas, malia os riscos de ciberseguridade que iso implica. A investigación, realizada no marco do Mes Europeo de Concienciación en Ciberseguridade, destaca as prácticas e preocupacións das nais e pais que teletraballan.

Un novo contexto para o teletraballo

Desde a pandemia de COVID-19, o teletraballo consolidouse como unha modalidade esencial en moitas empresas. As compañías adoptaron políticas de traballo híbrido e remoto para fomentar a flexibilidade e mellorar a conciliación, facendo posíbel que as traballadoras combinen as súas responsabilidades profesionais coas familiares.

A popularización do teletraballo foi ben recibida pola gran maioría das traballadoras; de feito, o 82% das nais e pais en España afirman que este modelo axúdaas a equilibrar mellor as súas vidas. Porén, tamén presenta desafíos en canto á seguridade dos datos, sobre todo cando os dispositivos de traballo se comparten cos fillos.

Teletraballo e seguridade: cifras alarmantes

Segundo o estudo, o 86% das nais e pais que teletraballan permiten ás súas crianzas empregar dispositivos como ordenadores portátiles, tablets ou teléfonos móbiles, e o 41% admiten que estas menores teñen acceso ás contrasinais sen supervisión. Esta tendencia preocupa ás especialistas en seguridade, xa que o uso non controlado destes equipos aumenta o risco de acceso non autorizado a datos sensíbeis.

Ademais, a protección destes dispositivos segue sendo deficiente: tan só un 16% das nais e pais usa autenticación multifactor (MFA) para tarefas críticas, unha medida sinxela que podería evitar o acceso non desexado. A confianza en contrasinais ‘seguras’ como única defensa segue sendo habitual, a pesar de que o 85% das nais e pais expresa preocupación polo risco de ciberataques.

O estudo tamén destaca que o 35% das traballadoras remotas utilizan redes WiFi públicas cando están de vacacións ou fóra do fogar, o que representa un risco adicional de seguridade. Só o 44% emprega unha rede privada virtual (VPN) para protexer a conexión, o que deixa moitos dispositivos nunha situación de vulnerabilidade.

Recomendacións para mellorar a seguridade no teletraballo

Cisco Talos, a división de ciberintelixencia de Cisco, recomenda ás responsábeis de seguridade corporativa traballar de forma colaborativa coas usuarias en lugar de enfrontarse a elas, permitindo que as traballadoras poidan crear contas de usuario convidado nos dispositivos de traballo. Deste xeito, os membros da familia poden empregar os equipos de forma restrinxida, sen acceso aos sistemas empresariais, pero aproveitando a ciber-protección corporativa.

A implementación da autenticación multifactor (MFA) é outro paso clave. Este sistema require unha verificación adicional, como un recoñecemento biométrico ou un código de verificación, cando unha usuaria accede a unha nova aplicación ou sistema. Este simple paso pode evitar que as pequenas máis curiosas accedan a información sensíbel sen autorización.

Así mesmo, é fundamental que a información confidencial se manteña protexida mediante o uso de redes privadas virtuais (VPN). Non todos os datos teñen os mesmos requisitos de seguridade, polo que protexer os datos sensíbeis cun acceso restrinxido a través de VPN obriga ás usuarias a identificarse con nome de usuario e contrasinal, o que pode verificarse ademais mediante MFA.

Outra recomendación importante é realizar copias de seguridade con frecuencia. O contorno doméstico, sobre todo en fogares con pequenas, pode resultar perigoso para os dispositivos electrónicos, xa que están expostos a caídas ou derrames de líquidos. Manter unha copia de seguridade evita a perda de datos importantes e permite que os dispositivos se poidan restaurar facilmente en caso de accidente.

Por último, é fundamental educar ás usuarias en ciberseguridade, facendo que comprendan a importancia de seguir boas prácticas e que sexan conscientes das ameazas e ataques máis comúns. As políticas de ciberseguridade claras axudan a establecer límites aceptábeis no uso dos dispositivos de traballo.

Sobre o autor

Reply