Lowi vén de anunciar un novo reaxuste dos seus plans, mellorando a oferta de entretemento ao incluír Netflix en todos os seus produtos converxentes. Ademais, as usuarias que elixan esta opción recibirán un extra de até 25 GB de datos móbiles.
Tras estes cambios, as usuarias poderán elixir entre 3 velocidades de fibra e 4 opcións de datos no móbil para poder configurar o seu plan e engadir Netflix en calquera das combinacións. Para facilitar a elección, na web da compañía habilitouse un configurador onde cadaquén pode elixir de forma flexíbel a mellor opción que se adapte ás súas necesidades.
Nas zonas de pegada de fibra propia, FIBRA Fit, pódese desfrutar de fibra de 300 Mbps, Netflix e unha liña móbil con 30, 50, 140 ou 275 GB de datos por 25, 28, 30 ou 32 € ao mes, respectivamente. Quen precise máis velocidade pode optar por 600 Mbps por 3 €/mes adicionais ou 1 Gbps por 5 €/mes adicionais.
Así mesmo, as usuarias que non estean en zona de cobertura de fibra de Lowi poden acceder aos mesmos plans sumando 10 € adicionais.
Ofertas de só fibra
A compañía tamén anuncia unha nova oferta de plans para usuarias que só precisan de fibra, con opcións que parten dos 20 €. Esta nova proposta divídese en dúas modalidades, FIT (con fibra propia) e NON FIT (no resto de zonas):
- Fibra Fit 600 Mbps por 20 €/mes.
- Fibra Fit 1 Gbps por 25 €/mes.
- Fibra 600 Mbps por 30 €/mes.
- Fibra 1 Gbps por 35 €/mes.
Os dous plans Fit teñen unha permanencia de 12 meses, que se reducen a 3 meses no caso dos plans Non Fit. A estas cantidades hai que sumar o custe de instalación do router, de 30 €.