En plena era da hiperconectividade, onde a información e as notificacións están sempre a un clic de distancia, SPC presenta WILD, un móbil básico e retro deseñado para quen busca unha desconexión real do mundo dixital sen renunciar á comunicación esencial. Este novo dispositivo é un “dumbphone” que non ten acceso a Internet e ofrece unha experiencia máis tranquila e controlada. Unha simplicidade na que só se integran as funcións necesarias para manter o contacto a través de chamadas e SMS.
Deseño retro e colorido
Sen dúbida o que máis chama a atención é o seu deseño tipo cuncha e as súas cores (rosa, verde e negro). Unha viaxe á estética minimalista dos anos 2000, pero con algunhas funcionalidades actuais. Por exemplo, a súa pantalla externa permite ver notificacións e chamadas sen necesidade de abrir o teléfono, mentres que a pantalla interior de 2,8’’ ofrece un tamaño a priori suficiente para a navegación polas súas opcións.
Paras alegría das máis nostálixicas, SPC incluíu no seu WILD o mítico xogo da serpe (Snake) dos Nokia, permitindo revivir un clásico que marcou a toda unha xeración.
Comunicación avanzada e autonomía infinita
O SPC WILD destaca pola súa calidade de chamada en HD grazas á tecnoloxía 4G, que proporciona unha mellor cobertura e claridade nas conversas. O teléfono está orientado tanto para aquelas persoas que queren un descanso dos smartphones como para persoas maiores ou menores que precisan un dispositivo sinxelo para manterse conectadas.
Entre as súas funcionalidades destacan Smart Help e o Botón SOS. A primeira opción permite a configuración remota, notificacións intelixentes e timbre intelixente, tres características útiles para persoas maiores e menores, asegurando a tranquilidade das familias. En canto ao Botón SOS, situado na parte traseira do dispositivo, permite realizar até tres rondas de chamadas automáticas a contactos de emerxencia en caso de necesidade.
Outro dos puntos fortes do SPC WILD é a súa batería de longa duración: cunha hora de conversa diaria, pode aguantar até 10 días sen necesidade de carga. Dispón tamén de dobre SIM, Bluetooth 3.0, radio, alarma, lanterna e unha cámara traseira con flash.
Dispoñibilidade e prezo do SPC Wild
O novo SPC WILD xa está á venda por 69,90 €, unha alternativa económica para aquelas persoas que buscan desconectar da Internet sen perder contacto co mundo.