As conexións a Internet vía satélite están a gañar adeptos en Galiza, nomeadamente nas áreas rurais onde a fibra óptica aínda non chegou ou resulta moi custosa de instalar. Neste contexto, Starlink, a empresa de Elon Musk, preséntase como unha das alternativas máis populares grazas á súa infraestrutura robusta e á flexibilidade dos seus plans. A súa última novidade, o kit Starlink Mini, xa está dispoñíbel no noso país, e promete facilitar o acceso a internet en calquera lugar, presumindo de portabilidade e de caber nunha mochila.
Starlink Mini: conexión para viaxes e o rural
Este novo kit de conexión destaca pola súa facilidade de uso e portabilidade. Está deseñado para ser instalado en poucos minutos: simplemente hai que situalo nunha zona con vista ao ceo despexado. Con este dispositivo, as usuarias poden conseguir velocidades de até 130 Mbps, permitindo un acceso rápido e estábel, ideal para zonas remotas e para quen precisa Internet mentres viaxa, como autocaravanas, traballadores en movemento ou persoas que desexan conectarse en espazos sen cobertura de fibra.
O servizo conta con dous plans de subscrición en España:
- Itinerante 50 GB: Por 40 euros ao mes, ofrece 50 GB de datos, ideal para quen precisa conexión de xeito esporádico.
- Itinerante Ilimitado: Con datos ilimitados por 72 euros ao mes, pensado para viaxeiros frecuentes ou aqueles que deben teletraballar desde calquera lugar.
Ambos plans permiten activar e desactivar o servizo sen custos adicionais, o que ofrece gran flexibilidade para quen fai usos puntuais en diferentes épocas do ano.
Alternativa real para as saídas ás montaña ou para o rural galego
Malia todos os avances en conectividade fibra e móbil dos últimos anos, Galiza conta con amplas áreas rurais onde as opcións de Internet aínda son limitadas. A chegada de Starlink e o seu servizo portátil ofrecen unha nova solución viábel e de calidade.
A portabilidade que ofrece este novo servizo de Starlink é un paso máis para facilitar o acceso á rede en zonas afastadas ou en mobilidade, garantindo que máis galegas poidan gozar dunha conexión rápida e fiábel.
Dispoñibilidade de Starlink Mini
O kit inclúe unha antena, soporte, router wifi de baixo consumo, cables de alimentación e a aplicación Starlink (dispoñíbel en iOS e Android) para axudar a buscar a posición máis óptima. Este servizo tamén permite navegar até velocidades de 100 km/h, unha vantaxe para usuarias de autocaravanas ou furgonetas que se moven constantemente.
O prezo do equipo é de 399 €, que se abonan unha única vez. Feita esta inversión, haberá que pagar o custe de conexión, que será de 40 € ou 72 € por mes de uso, de acordo ao plan contratado.
Máis info | Starlink Mini