Nas últimas semanas estivemos a probar os auriculares Pixel Buds Pro 2. Trátase da última aposta de Google no mercado dos auriculares sen fíos. Unha proposta que foi presentada o pasado mes de agosto cun enfoque dirixido claro cara a calidade do son, a comodidade e a integración total co ecosistema Android.
Unha aposta polo deseño
Os Google Pixel Buds Pro 2 manteñen o estilo minimalista que caracteriza aos produtos de Google, cunha estética sinxela e elegante. Tamén reducen o seu tamaño, segundo Google nun 27% respecto á xeración anterior. Cada auricular pesa 4,7 gramos, e na caixa que se comercializan inclúen almofadiñas de silicona de diferentes tamaños, o que permite que poidan axustarse comodamente a diferentes pavillóns auditivos, minimizando a presión e garantindo un agarre seguro e fiábel.
Teñen tamén resistencia á auga e á suor, cumprindo co estándar IP54 (a funda de carga IPX4), o que fai que sexan un produto axeitado para actividades físicas e uso diario en exteriores, mesmo en xornadas con choiva lixeira ou humidades como as que temos en Galiza.
As dimensións do estoxo no que se gardan (e cargan) son de 49,9 x 63,4 x 25 mm, sendo un gadget moi doado de acomodar en calquera peto. Un estoxo que tamén é capaz de emitir un son se activamos desde o teléfono a busca del.
Características técnicas e usabilidade dos Pixel Buds Pro 2
Os auriculares veñen equipados cun procesador Tensor A1, deseñado e optimizado por Google para ofrecer un rendemento rápido e fiábel. Tamén con tecnoloxía de conexión Bluetooth 5.4, que facilita unha conexión estábel e de baixo consumo con dispositivos como smartphones e tablets ou portátiles, con independencia do seu sistema operativo.
Cada auricular inclúe un transdutor de altofalante dinámico de 11 mm, xunto con tecnoloxía de cancelación activa de ruído (ANC) mellorada. Tamén dispoñen de Silent Seal na súa versión 2.0, unha tecnoloxía que bloquea o ruído ambiental para unha experiencia auditiva inmersiva, e modo Son Ambiente, que permite escoitar o son externo en situacións onde é necesario.
En canto ao uso destaca a integración da intelixencia artificial. Esta está presente tanto á hora de poder empregar Genimi desde os auriculares co comando “Hey Google”, como en funcións avanzadas como “Detección de conversación“. Esta funcionalidade, que podemos activar desde a aplicación Pixel Buds, detecta se estamos falando para que os auriculares deteñan a música e activen o modo transparencia até que rematemos de falar. Deste modo, non teremos que facer nada para ter activo o son ambiente mentres temos esa conversa, xa que os auriculares farano por nós, volvendo á configuración orixinal cando rematemos a conversa.
Así mesmo, cada auricular dispón de sensor de proximidade por infravermellos, que detén automaticamente a reprodución cando o sacamos da orella. Completan a configuración 3 micrófonos por auricular e sensores táctiles capacitivos que nos permiten levar a cabo accións como controlar a música, as chamadas ou o asistente de voz. Ademais, estas funcionalidades poden personalizarse desde a aplicación de xestión.
Facilidade de configuración, autonomía e usabilidade
Para quen teña un dispositivo Android, a configuración é moi sinxela. Só require que o teléfono teña Android 6.0 ou posterior e unha conta de Google. Unha vez emparellados, os auriculares sincronízanse rapidamente cos dispositivos da conta de Google, facilitando este produto nos diferentes gadgets.
Por outra banda, a duración da batería é un dos puntos fortes dos Pixel Buds Pro 2. Coa cancelación de ruído (ANC) desactivada, ofrecen ata 12 horas de reprodución continua, que se amplían a 48 horas co uso do estoxo de carga. Con ANC activado, a autonomía redúcese a 8 horas de uso e 30 horas totais coa funda.
Outra vantaxe é a carga rápida: con tan só 5 minutos na funda, podemos obter ata 1,5 horas de reprodución. A funda de carga admite carga USB-C e tamén carga sen fíos Qi, o que facilita a súa recarga sen depender de cables, especialmente se temos unha base de carga ou un teléfono que permita carga inversa de dispositivos (funcionalidade habitual nas gamas altas de Android).
Conclusións
Os Google Pixel Buds Pro 2 destacan pola súa alta calidade de son e polas funcións avanzadas que ofrecen, como a Cancelación de Ruído Activa e a Detección de Conversación, ou a integración con Gemini.
Ademais, polo seu deseño e resistencia á suor, son unha opción ideal para quen precise auriculares versátiles tanto para o traballo como para actividades deportivas.
En resumo, os Pixel Buds Pro 2 son unha aposta sólida no segmento de auriculares sen fíos premium, con funcionalidades que non só melloran a calidade do son, senón tamén a comodidade de uso e a duración da batería. Resultan, ao noso ver, o complemento perfecto para os nosos dispositivos de gama alta.
Están dispoñíbeis en catro cores (porcelana, verde liquen, verde pastel e rosa) por 249 €.