As usuarias de dispositivos iPhone xa poden desfrutar de Google Gemini, que vén de aterrar na App Store. Este asistente avanzado de Google baseado en intelixencia artificial (IA), está dispoñíbel de forma gratuíta, e contribúe a interactuar cos nosos dispositivos, mellorando a produtividade, a aprendizaxe e a creatividade.
A nova aplicación elimina, para as usuarias de iPhone, a necesidade de ter que acceder a Gemini a través da app de Google ou dun navegador. Agora resulta moito máis rápido e sinxelo, cunha interface deseñada para ofrecer unha interacción máis natural, adaptándose ás necesidades das usuarias.
Funcións destacadas de Gemini para iPhone
Gemini par iPhone inclúe o modo de conversa fluída con Gemini Live. Este adáptase ao noso estilo e permite levar a cabo cuestións tan diversas como practicar unha entrevista, planificar unha viaxe ou desenvolver unha choiva de ideas. Está dispoñíbel nun número limitado de linguas (entre elas non está o galego), e pode configurarse con 10 estilos de voz diferentes.
Gemini tamén ofrece funcións para facilitar o estudo, podendo realizar probas para consolidar o aprendido, explorando temas con exemplos prácticos ou ofrecendo explicacións claras a imaxes ou diagramas que se lle acheguen.
A través do modelo de xeración de imaxes Imagen 3 pódense transformar descricións en imaxes realistas, desde ilustracións abstractas até imaxes de obxectos cotiáns.
E por último, Gemini detaca pola súa conexión directa co ecosistema de Google. Esta intelixencia está integrada con Gmail, Maps, YouTube, Calendar e Drive, para poder consultar información nestas ferramentas directamente desde a mesma conversa.
Gemini para iPhone xa dispoñíbel na App Store
Coa chegada de Google Gemini, as usuarias de iPhone teñen agora a posibilidade de levar aos seus dispositivos un asistente persoal capaz de mellorar a súa produtividade, fomentar a creatividade e facilitar o estudo.
Co seu acceso directo ás aplicacións de Google, unha interface amigábel e funcións de aprendizaxe e xestión visual de alto nivel, Gemini preséntase como unha ferramenta moi interesante para quen simplificar o seu día a día.
Descarga | AppStore