Contar cun acceso rápido e fiábel a Internet tense convertido nunha necesidade básica, como a electricidade ou o abastecemento de auga. Porén, moitas comunidades rurais, zonas de montaña e illas pequenas aínda carecen desta infraestrutura.
Neste contexto, a Axencia Espacial Europea (ESA), en colaboración coa empresa sueca Forsway, presentan Xtend 5G. Unha solución que a todas luces é a súa alternativa á tecnoloxía de Starlink, e unha solución que podería transformar a conectividade nas áreas máis remotas de Europa, incluíndo zonas de Galiza que aínda non dispoñen de boa cobertura.

Xtend 5G: unha solución híbrida para superar barreiras tecnolóxicas
Xtend 5G é unha solución pioneira que combina redes satelitais e terrestres para ofrecer conexión a Internet económicas e fiábeis, aló onde as infraestruturas tradicionais non chegan. Grazas ao programa ARTES 4.0 da ESA -e ao apoio da Axencia Espacial Nacional de Suecia (SNSA)- este proxecto busca superar as limitacións dos métodos convencionais, como o elevado custe do despregamento de fibra óptica ou as complexidades técnicas das redes móbiles en áreas illadas.
Entre as vantaxes que sinalan desde Forsway destacan a alta estabilidade do sistema, o que permite poñer en marcha numerosos servizos de infraestrutura avanzada, garantindo a dispoñibilidade e a escalabilidade. Isto contribúe a facilitar as constantes evolucións en servizos que ofrecen as operadoras, ademais de asegurar os servizos esenciais e as comunicacións mesmo en situacións de emerxencia ou desastres naturais,
Se pensamos nas áreas de Galiza que aínda carecen dun servizo de conectividade óptimo, esta tecnoloxía podería representar unha alternativa estratéxica fronte á dependencia de infraestruturas terrestres. E indo máis aló da simple conectividade, un acceso igualitario á rede, o que se traduce nun impulso económico para empresas e negocios, ou novas oportunidades para a formación.
En definitiva, Xtend 5G representa un avance significativo no campo da conectividade híbrida satelital e terrestre. Un proxecto que, cando estea completamente en marcha, sentará as bases para unha conectividade máis accesíbel, flexíbel e robusta, contribuíndo a reducir a fenda dixital e a mellorar a calidade de vida das comunidades máis illadas.