SPC for Business presenta novos auriculares para profesionais: Yealink UH35 e UH35 SE

SPC For Business vén de presentar os novos auriculares Yealink UH35 e UH35 SE, dous dispositivos deseñados especialmente para profesionais que buscan unha comunicación clara, cómoda e eficiente. Estes modelos destacan por combinar un deseño ultralixeiro e ergonómico con tecnoloxía de cancelación de ruído avanzada, garantindo unha experiencia auditiva premium en calquera contorna de traballo.

Ambos ous dous modelos contan cunha diadema de coiro e almofadas de escuma viscoelástica, que aseguran un axuste máis cómodo. Grazas ao seu deseño lixeiro, minimizan a presión sobre os oídos e favorecen a disipación do calor, facendo que sexan produtos adaptados para xornadas laborais prolongadas. Ademais, incorporan unha luz de ocupado que se activa automaticamente durante as chamadas, para evitar as interrupcións en espazos de traballo compartido.

Están equipados cun sistema de micrófonos dobres coa tecnoloxía Yealink Acoustic Shield, que filtra eficazmente o ruído ambiental para garantir chamadas nítidas, mesmo en contornas ruidosas. Segundo apunta o fabricante, esta tecnoloxía mellora nun 60 % o rendemento de cancelación de ruído respecto aos sistemas de micrófono único. Ademais, inclúen un altofalante de 35 mm con ecualizador dinámico, que adapta automaticamente o audio segundo estea en modo chamada ou música, proporcionando unha experiencia auditiva óptima en calquera situación.

O modelo UH35 SE destaca por engadir un sistema de control integrado no cable, que permite xestionar chamadas, axustar o volume ou silenciar o micrófono de maneira sinxela e intuitiva. Este detalle incrementa a usabilidade e fai que sexa perfecto para profesionais con necesidades avanzadas de produtividade.

Compatibilidade e dispoñibilidade

Os novos auriculares Yealink ofrecen unha conexión sinxela plug-and-play a través de USB-C e adaptador a USB-A, garantindo a súa compatibilidade con ordenadores, numerosos teléfonos IP e as principais plataformas de comunicación unificada.

Están dispoñíbeis para mercar en diversas plataformas en liña por uns 50 €.

Sobre o autor

Reply