Levamos anos sufrindo as estafas telefónicas, unha práctica que busca enganar ás persoas para obter os seus datos persoais ou financeiros. Estas fraudes, que van desde as chamadas falsas e SMS fraudulentos cada vez máis sofisticados, aproveitan situacións cotiás e xeran sensacións de urxencia ou confianza para enganar ás vítimas. O obxectivo é sempre o mesmo: apropiarse de información sensíbel ou, directamente, dos nosos cartos.
Segundo apuntan diversos estudos, unha porcentaxe significativa da poboación asegura ter sido vítima dalgún tipo de fraude telefónico. O descoñecemento sobre como funcionan estas estafas e a falta de precaución, poden xogar en contra das usuarias, especialmente cando non teñen claras as medidas para recoñecelas e evitalas.
10 das estafas telefónicas máis comúns
Para axudarche a protexerte fronte a estas ameazas, recompilamos as 10 estafas telefónicas máis comúns na actualidade. Aprender a identificalas e acoñecer as súas características é chave para evitar converterse nunha vítima máis.
- O paquete inexistente de Correos. Recibimos unha SMS indicando que hai un paquete pendente de entrega por falta de datos ou por necesidade de pagar taxas. Inclúen un enlace que leva a unha páxina falsa que semella ser a de Correos para roubar datos persoais ou bancarios.
- A multa da DXT. As estafadoras fixen ser da Dirección Xeral de Tráfico, indicando que temos unha sanción pedente e que, de non pagarse, aumentará a cantidade a pagar ou que nos levará a un proceso xudicial. O SMS inclúe un enlace a unha web falsa na que solicitan os nosos datos bancarios.
- A falsa chamada ou o SMS do banco. Neste caso, finxen chamar do noso banco para alertar dunha suposta incidencia coa conta. Solicitan información sensíbel como contrasinais, códigos PIN ou de confirmación, alegando urxencia mesmo para “desactivar a nosa tarxeta”. Outro modelo é o SMS coa falsa vinculación dun novo dispositivo, que nos pode asustar e facer que baixemos a garda para acabar compartindo datos.
- A oferta de traballo ficticia. As estafadoras fanse pasar por departamentos de recursos humanos de empresas coñecidas (Inditex, …), contactando ás vítimas con falsas ofertas de traballo. Adoitan solicitar datos persoais e, nalgúns casos, mesmo pagos para procesos de selección ficticios.
- Os falsos operadores telefónicos. A través de chamadas, aseguran que representan a compañías de telecomunicacións. Ofrecen supostas melloras no servizo ou a resolución de problemas para obter datos persoais ou bancarios.
- O premio inesperado. A través dunha chamada ou SMS dinnos que gañamos un premio, como un smartphone ou unha viaxe. E para poder reclamalo, solicítannos que ingresemos os nosos datos ou que fagamos un pagamento simbólico, que resulta ser unha trampa.
- A falsa reparación do ordenador. Alguén que se fai pasar por técnico informático contacta dicindo que detectaron un problema co noso dispositivo ou na rede, solicitando acceso remoto ao ordenador e permitindo o roubo de información persoal.
- A chamada de urxencia familiar. Moi habitual de WhatsApp, neste tipo de estafa fanse pasar por un familiar ou amigo en apuros, pedindo cartos con urxencia (rompeu o móbil, tivo un problema co coche…). Empregan emocións como o medo ou a preocupación para tratar de que actuemos rapidamente e sen pensar.
- O SMS da subscrición non solicitada. Recibimos un SMS indicando que nos subscribimos a un servizo premium de custe elevado, e para cancelalo, solicitan que chamemos ou accedamos a un enlace, onde recollen datos ou nos acaban facendo cargos non autorizados.
- O pago atrasado de servizos. Recibimos unha chamada dicindo que temos un recibo pendente de servizos básicos, como a luz e a auga. Coa ameaza de cortar a subministración, presionan para que e ingresemos os nosos datos bancarios ou paguemos directamente.
Bonus: a alerta da AEMET. Tras a DANA de Valencia, a AEMET detectou unha estafa por SMS na que se fan pasar por esta Axencia para roubar os nosos datos.
Como podemos protexernos destas estafas?
A mellor ferramenta para facer fronte ás estafas telefónicas é a prevención. Coñecer as tácticas máis empregadas polas estafadoras e tomar medidas de precaución pode marcar a diferenza entre ser vítima dun engano ou frustrar o intento. Ademais, manter unha actitude crítica ante chamadas, mensaxes ou correos sospeitosos axuda a recoñecer sinais de alerta e actuar de forma segura.
A continuación, compartímosche algúns consellos prácticos para minimizar riscos e protexer a túa información persoal e financeira:
- Desconfía das urxencias: se alguén solicita accións inmediatas ou datos persoais, cómpre que tomemos o tempo necesario para verificar a información.
- Non accedas a enlaces sospeitosos. Sempre é mellor comprobar as páxinas oficiais directamente, e non acceder mediante enlaces recibidos (especialmente se non os solicitamos previamente).
- Contacta coas entidades. Ante a dúbida, o mellor que podemos facer é ser proactivas. Chamar ao noso banco, operadora ou empresa de mensaxería mediante os números oficiais para confirmar calquera comunicación recibida.
- Nunca compartir códigos nin contrasinais. É dos consellos máis obvios, pero que moitas persoas esquecen, especialmente en situacións de tensión. As entidades oficiais nunha solicitan datos sensíbeis por teléfono ou SMS.
- Activa medidas de seguridade. Empregar a dobre autenticación nas nosas contas ou manter o software actualizado é fundamental para previr a seguridade.
O incremento destas estafas fai imprescindíbel estar alerta e informadas. Identificar estas ameazas é o primeiro paso para evitar ser unha vítima máis da ciberdelincuencia.
Imaxes: SMS Abanca | AEMET