O próximo xoves, 21 de novembro, chega ao mercado o Nubia Z70 Ultra, o novo dispositivo de referencia desta marca. Un dispositivo que promete ser un importante activo para a compañía, con características de primeira e o último procesador de Qualcomm no interior, o Snapdragon 8 Elite.
A súa pantalla é un panel de 6,86 polgadas con tecnoloxía OLED 1.5K. Ofrece unha frecuencia de actualización de 144 Hz e un brillo máximo de 2000 nits. A cámara frontal sitúase baixo a pantalla, eliminando calquera interrupción visual, e acadando unha relación pantalla-corpo superior ao 95%, unha das máis altas do mercado.
Na parte traseira atopamos varios acabados, entre eles unha edición “Starry Night”, inspirada na obra de arte “A noite estrelada”, de Vincent van Gogh, que sen dúbida achega un deseño único e especial.
Seguindo coas características técnicas, nubia aposta forte pola fotografía neste modelo, integrando unha cámara principal de 50 megapíxeles con apertura variábel. Completando este conxunto fotográfico temos unha cámara teleobxectivo con zoom óptico de ata 100x e unha variedade de funcións impulsadas por intelixencia artificial (IA), pensadas para capturar imaxes espectaculares en calquera situación.
Como xa se avanzou, o corazón deste smartphone é o procesador Snapdragon 8 Elite, con diferentes opcións de RAM e memoria. A batería sitúase nos 6.000 mAh, con carga rápida de 80W, e tamén dispón de certificación IP68, que garante a protección á auga e ao po.
Innovación, deseño e funcionalidades avanzadas únense neste novo smartphone co que Nubia afronta estes últimos meses do ano e comezos de 2025. Agora só queda que tras a súa presentación poidamos coñecer todos os detalles, incluído o prezo ao que se porá á venda e a data na que se poderá adquirir.