Android toma o relevo: Google prepara a substitución de ChromeOS nos portátiles

Google está a piques de reestruturar toda a súa estratexia no mundo dos portátiles. Tras anos centradas en dispositivos Chromebook -orientados principalmente a estudantes, empresas e usuarias con necesidades básicas ou orientadas a traballar na nube- a compañía busca agora competir cos produtos de Apple e Microsoft. Esta aposta meterializaríase nun novo Google Pixel Laptop, un dispositivo que, segundo apuntan varias filtracións, marcará un antes e un despois para a marca Pixel.

Estas informacións apuntan a que o Google Pixel Laptop sería un portátil de gama alta cun deseño premium e materiais de primeira calidade. Suporía un cambio radical respecto aos Chromebook actuais, que se centran principalmente en gamas medias e baixas. A intención de Google é ofrecer un dispositivo competitivo a nivel de rendemento, deseño e funcionalidades.

Porén, un dos detalles máis sorprendentes é que o Pixel Laptop non usará Chrome OS, o sistema operativo de Google para ordenadores que leva máis dunha década no mercado. Este cambio buscaría solucionar un dos principais puntos débiles dos dispositivos anteriores, xa que moitas usuarias percibían Chrome OS como unha limitación fronte a sistemas como Windows ou macOS.

Android toma o relevo

As filtracións tamén revelan que Google está a traballar na fusión de Chrome OS con Android, creando un sistema operativo unificado para todos os seus dispositivos. En lugar de desenvolver un novo sistema híbrido, Android sería o encargado de incorporar as mellores características de Chrome OS, como a xestión de múltiples escritorios, o soporte avanzado de teclado e rato, e unha integración mellorada con pantallas externas.

Esta versión de Android estrearíase no Pixel Laptop e na futura Pixel Tablet 2, enfocándose en mellorar a produtividade e a multitarefa. Isto abriría a porta a que as tablets Pixel compitan directamente contra os iPads de Apple, ofrecendo unha experiencia máis completa para traballar e xestionar tarefas complexas.

Con este movemento, Google busca entrar no segmento premium de portátiles, dominado polos MacBook de Apple e os Surface de Microsoft. O Pixel Laptop ofrecería non só un deseño atractivo, senón tamén un rendemento que promete estar á altura das demandas máis esixentes. Ademais, a integración de Android permitiría unha experiencia máis consistente e unificada para usuarias que xa están no ecosistema de Google, algo similar ao que ofrece Apple co seu ecosistema de dispositivos.

Dispoñibilidade do Pixel Laptop

A data de lanzamento do Google Pixel Laptop aínda é un misterio, pero as filtracións indican que este proxecto está xa en marcha. Se Google logra cumprir as súas promesas, o Pixel Laptop podería converterse nun dos produtos máis interesantes e innovadores dos próximos anos, transformando a forma en que entendemos os portátiles e expandindo o potencial do sistema operativo Android.

Sobre o autor

Reply