Motorola vén de anunciar a dispoñibilidade no noso país do moto g75 5G, un dispositivo deseñado para as usuarias que buscan durabilidade, rendemento e un prezo accesíbel. O novo dispositivo do fabricante é o primeiro da serie moto g que conta con certificación MIL-STD-810H, que garante a resistencia a caídas, condicións climáticas extremas e cambios de temperatura e presión. Tamén inclúe protección IP 68 contra auga e po, permitindo o seu uso baixo a choiva grazas á tecnoloxía Water Touch, que mellora a usabilidade cos dedos mollados.
Entre as súas características destaca a súa cámara traseira de 50 MP, un sensor SONY LYTIATM 600 que ofrece imaxes brillantes mesmo en condicións de pouca luz. Dispón tamén de estabilización óptica de imaxe (OIS) e tecnoloxías Quad Pixel e Flickr Sensor, que melloran o detalle e eliminan os efectos de parpadeo en escenarios con iluminación variábel.
Completando o apartado fotográfico temos unha cámara ultra gran angular e macro de 8 MP, ideal para capturar paisaxes ou pequenos detalles, e unha cámara frontal de 16 MP, deseñada para autorretratos de gran calidade. Ademais, permite gravar vídeos en 4K, garantindo un acabado (case) profesional e realista.
A súa pantalla é un panel Full HD+ de 6,78 polgadas con brillo de 1000 nits e tecnoloxía Display Colour Boost, que mellora as cores e a visibilidade. Dispón tamén de altofalantes estéreo con son envolvente Dolby Atmos e compatibilidade con Hi-Res, completando así o apartado multimedia do dispositivo.
No seu interior atopamos o procesador Qualcomm Snapdragon 6 Gen 3, xunto con 8 GB de RAM e 256 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. A conectividade 5G e WiFi 6/6E asegura velocidades ultrarrápidas, e a súa batería de 5.000 mAh proporciona unha gran autonomía. A velocidade de carga é de 30 W mediante cable e de 15 W sen fíos.
Dispoñibilidade e prezo do novo moto g75 5G
O novo moto g75 5G Está deseñado con dúas opcións de acabado, coiro vegano ou mate, en cores que abranguen o gris (Charcoal Grey), azul (Aqua Blue) e o verde (Suculent Green).
Pódese adquirir nos puntos habituais e a través da páxina web oficial de Motorola por 299 €.