Amazon anuncia os Echo Show 15 e Echo Show 21

Amazon vén de anunciar dous novos Echo Show, en 15 e 21 polgadas. O primeiro é unha actualización da versión que xa viña comercializando, e que mantén o seu tamaño. Porén, a gran novidade é a chegada do Echo Show 21, que destaca precisamente polo seu tamaño, de 21 polgadas.

Os novos Echo Show non só son dispositivos tecnolóxicos: tamén aspiran a integrarse no mobiliario do fogar. Destacan polo seu deseño minimalista e contar con opcións de personalización, que achegan funcións como o de marco dixital no que poder amosar fotos ou obras de arte. O modelo de 15 polgadas é ideal para espazos compactos, mentres que o de 21 transforma calquera estancia nun centro de entretemento e produtividade.

O Echo Show 21 destaca polo seu sistema de audio mellorado, con graves profundos e son vibrante, ademais de redución de ruído. Tamén integra unha cámara que permite videochamadas máis nítidas, grazas ao encadre automático e ao zoom mellorado.

Ambos os dous modelos son compatíbeis con Matter, Zigbee, Thread e WiFi 6E, garantindo unha conectividade fluída con luces, enchufes ou calquera dispositivo de fogar intelixente. Ademais inclúen widgets personalizábeis para controlar axendas, listas de tarefas ou dispositivos conectados. E, por suposto, son compatíbies coas plataformas Prime, Netflix e Disney+, converténdose en centros multimedia do fogar.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos Echo xa están dispoñíbeis. O modelo de 15 polgadas custa 329,99 €, mentres que o de 21 polgadas sube até os 439,99 €. En ambos casos inclúese o mando por voz Alexa e un soporte de parede.

Amazon tamén comercializa accesorios, como un marco dispoñíbel en cor branco e marrón claro (que custa 39,99 ou 43,99 €, dependendo do tamaño), así como un soporte regulábel premium (109,99 €). Con eles, as usuarias poden personalizar aínda máis a experiencia, adaptándose a todos os tipos de fogares.

Sobre o autor

Reply