Microsoft Windows 365 Link, un mini-PC para traballar na nube

Os tempos son chegados. A promesa de empregar dispositivos simples, equipos minimalistas que dependen totalmente da nube para realizar tarefas complexas, está máis preto ca nunca grazas ao novo Windows 365 Link de Microsoft. Trátase dun mini-PC, deseñado para empresas, que elimina a necesidade de contar cun hardware potente no escritorio e aposta por centralizar todo o traballo na nube. Cun enfoque innovador, Microsoft busca transformar o xeito en que as empresas xestionan os seus recursos tecnolóxicos, ofrecendo flexibilidade, eficiencia e seguridade, máis tamén dependencia.

O anuncio foi realizado na conferencia Intune. Un espazo no que se deu a coñecer este equipo de pequenas dimensións (120 x 120 x 30 mm) deseñado para funcionar exclusivamente coa plataforma Cloud PC Windows 365. Unha solución pensada para que empresas que buscan virtualizar os seus ordenadores persoais e centralizar o acceso ao sistema operativo desde a nube.

A idea é moi semellante ao concepto Xbox Cloud Gaming, pero orientado a ofrecer Windows como un servizo. Deste modo, podemos acceder a un escritorio completo de Windows desde calquera dispositivo con conexión a Internet, sen importar o sistema operativo do equipo.

Por iso a principal vantaxe do Windows 365 Link é que elimina a necesidade de contar cun hardware complexo no escritorio das usuarias. A potencia de cálculo ou o espazo para almacenar datos residen nos servidores da nube de Microsoft, mentres que o equipo (neste caso, o mini-PC), actúa como unha ponte que conecta ás usuarias co seu escritorio virtual.

Entre as funcións destacadas deste Windows 365 Link están o acceso á nube instantáneo, e por suposto o seu deseño compacto e silencioso. Isto non impide que o trebello conte con conectividade avanzada, que inclúe portos USB-C, USB-A, HDMI e DisplayPort, con soporte para monitores 4K, WiFi 6E Bluetooth 5.3.

Unha nova era para a computación na nube

A chegada do Windows 365 Link marca unha nova era para a computación na nube, xa que simplifica as opcións existentes cun entorno amigábel e coñecido pola práctica totalidade das usuarias.

As vantaxes son claras, especialmente falando da redución dos custes de adquisición e mantemento de equipos ou da flexibilidade laboral que permite, xa que se pode acceder ao PC virtual desde calquera lugar e equipo, tan só con dispoñer de acceso á rede. Tamén na aplicación de actualizacións, o cal inflúe directamente na seguridade, xa que estas non estarán limitadas polo hardware dos equipos, eliminando así os problemas de obsolescencia.

Porén, implican tamén pasar pola catividade dun modelo de subscrición que se está a volver cada vez máis habitual. Depender desde servizo, implicará ter que pagar unha cantidade aínda por determinar para poder acceder ao servizo, de forma semellante ao que xa acontece coas ferramentas ofimáticas Microsoft 365.

Dispoñibilidade e prezo do Windows 365 Link

Microsoft prepara a chegada do Windows 365 Link para o público empresarial en abril de 2025 cun prezo base de 349 dólares. Antes do lanzamento oficial, levarase a cabo un período de proba a partir do 15 de decembro de 2024 en mercados seleccionados, permitindo ás empresas explorar as posibilidades deste dispositivo innovador. Cun prezo accesíbel para o que ofrece, o Windows 365 Link posiciona a computación na nube como unha opción atractiva para modernizar os espazos de traballo, combinando eficiencia, sinxeleza e seguridade.

Sobre o autor

Reply