O novo OPPO Find X8 Pro xa é oficial. O novo buque insignia da marca chega a Europa a tempo para a campaña de Nadal, e disposta a dar a batalla no mercado dos smartphones premium. A aposta é clara: deseño elegante, cámaras de primeiro nivel e rendemento de última xeración. Tres piares que marcan o camiño e están aliñados coas principais demandas das usuarias.
Comezando polo deseño, o OPPO Find X8 Pro destaca na aposta do que chaman “Cosmos Ring“, con dous acabados: Space Black (negro) e Pearl White (branco), que como xa avanzamos ofrece un patrón nacarado que fai único a cada dispositivo. Ofrece tamén resistencia IP68 e conta cunhas dimensións nas que destaca os 8,2 mm de grosor e os 15 gramos de peso.
A súa pantalla, equipada con tecnoloxía Splash Touch que permite o uso coas mans molladas, é un panel 3D AMOLED ProXDR de 6,78 polgadas. A súa resolución é de 1.5K (2780 x 1264 píxeles), cun brillo máximo de 4.500 nits e compatibilidade con HDR10+. Dispón tamén de atenuación de alta frecuencia PWM e certificación TÜV Rheinland Eye Comfort 4.0, que asegura un uso cómodo e seguro para a vista.
No apartado fotográfico, como xa fora avanzado, o OPPO Find X8 Pro inclúe catro cámaras traseiras de 50 MP, destacando un gran angular con 120º, un teleobxectivo periscópico de 6x con estabilización óptica e un zoom dixital de até 120x. A colaboración con Hasselblad permítelle ofrecer modos exclusivos como Retrato Hasselblad e funcionalidades avanzadas como AI Zoom Telescópico, que mellora o detalle a distancias extremas. Na parte frontal do dispositivo temos unha cámara de 32MP.
Indo xa para o interior, destaca a presenza do procesador MediaTek Dimensity 9400, fabricado en 3 nm, que segundo apunta MediaTek ofrece un rendemento un 35% máis rápido en CPU e un 41% en GPU respecto a xeracións anteriores. Dispón de 16 GB de memoria RAM e un almacenamento que chega até os 512 GB.
A batería é de 5.910 mAh, con carga ultrarrápida SuperVOOC de 80 W e sen fíos AirVOOC de 50 W. Isto permite ter o dispositivo completamente cargado en 58 minutos mediante cabos e en 90 sen fíos.
Como sistema operativo emprega ColorOS 15, baseado en Android 15. Esta nova versión do sistema operativo emprega a intelixencia artificial (IA) para ofrecer ferramentas como AI Eraser 2.0, AI Unblur e AI Assistant, así como o Circle Search de Google.
Dispoñibilidade e prezo do novo OPPO Find X8 Pro
O OPPO Find X8 Pro xa está dispoñible no noso país por 1.249 € na súa configuración de 16GB+512GB.
Como promoción de lanzamento, até o 8 de decembro, as usuarias que o adquiran o dispositivo na tenda de OPPO recibirán un pack de agasallo valorado en 367,90 €, que inclúe un smartwatch OPPO Watch X, un cargador SUPERVOOCTM de 80W e unha funda exclusiva OPPO.