Novo revés xudicial para Google. A compañía de Mountain View afronta estas semanas un importante desafío, xa que o Departamento de Xustiza dos Estados Unidos está a impulsar medidas que poderían cambiar radicalmente o ecosistema tecnolóxico global. Entre as propostas máis drásticas están a venda de Chrome, a segregación de Android e a ruptura de acordos chave que sosteñen o liderado de Google nas buscas e publicidade.
O Departamento de Xustiza acusa a Google de manter un monopolio no mercado das buscas a través de prácticas desleais. Unha acusación á que Google respondeu asegurando que as medidas propostas “destruirían os seus produtos” e terían gran impacto na seguridade, privacidade e experiencia de usuario.
Nun comunicado feito público pola empresa aseguran que estas medidas racharían coa integridade de produtos chave como Chrome ou Android, que consideran ferramentas esenciais para millóns de usuarias no seu día a día. Engaden que tamén danarían a innovación, obrigando a Google a compartir avances tecnolóxicos con outras compañías sen garantías de seguridade. E, por último, que afectarían a negocios externos, como Mozilla, que dependen dos acordos comerciais con Google para posicionar as súas buscas.
Como afectaría ás usuarias de Android
De facerse firmes as obrigas que plantexa o Departamento de Xustiza estadounidense, Android -que domina o mercado de sistemas operativos móbiles- podería perder a súa posición de referencia, abrindo a porta a sistemas alternativos menos estandarizados e poñendo en risco a compatibilidade e a calidade das aplicacións.
Ademais, Chrome, o navegador máis usado do mundo, podería ser vendido, o que xeraría incerteza sobre o seu futuro desenvolvemento e posíbeis cambios no modelo de negocio, abrindo a porta mesmo ás subscricións.
Por iso Google quixo deixar claro que non aceptará estas medidas sen antes dar unha batalla que xa dan por feita que será longa e complexa para preservar o que aseguran son “avances tecnolóxicos esenciais que benefician tanto ás usuarias como á innovación global”.
O caso contra Google non só trata de monopolios e regulacións; tamén é unha cuestión de como se debe equilibrar o poder das grandes tecnolóxicas coa innovación e os dereitos das consumidoras. Sexa cal sexa o resultado, este proceso promete ser un dos máis influentes da historia recente da tecnoloxía.