Tal e como xa foramos adiantando, o Nubia Z70 Ultra foi presentado onte de forma oficial na China. Un novo dispositivo de gama alta equipado co último procesador de Qualcomm, o Snapdragon 8 Elite. Porén, esta non é a única característica que destaca nun trebello que, sobre o papel, semella do mellor que podemos atopar no mercado.
Está equipado cunha pantalla OLED de 6,85 polgadas, con resolución 1,5 K (2688 x 1216 píxeles) e unha taxa de refresco de 144 Hz. E no interior, ademais do novo procesador de Qualcomm, dispón de versión con 12, 16 e até 24 GB de memoria RAM, combinadas con 256, 512 e 1024 GB de almacenamento interno.
No apartado das cámaras, temos un sensor principal de 50 MP con f/1.59-f/4.0 e estabilizador OIS; gran angular de 50 MP e 120º e un telefoto periscópico de 64 MP, con zoom óptico 3x.
A batería é outro dos puntos fortes, acadando os 6.150 mAh, con carga rápida de 80 W. E, por suposto, vén co último en conectividade, incluíndo 5G SA/NSA, Bluetooth 5.4 e WiFi 7, ademais de NFC.
Dispoñibilidade e prezo do Nubia Z70 Ultra
O novo Nubia Z70 Ultra xa está dispoñíbel na China, e ten previsto o seu desembarco en Europa para o próximo martes, 26 de novembro. A falta de coñecer os prezos oficiais para o noso país, no continente asiático comercialízase a partir duns 600 € ao cambio, na versión de 12 + 256 GB.
O modelo con 16 + 512 GB sube até uns 650 €; o de 16 GB + 1 TB custará uns 730 € e, finalmente, o nubia Z70 Ultra máis potente, con 24 GB + 1 TB custará uns 830 € ao cambio.
Con todo, é probábel que ao noso país non cheguen todas estas versións, polo que estaremos atentas ás novidades que anuncien desde o fabricante a próxima semana.