O fabricante surcoreano Samsung continúa a súa aposta pola gama media co próximo lanzamento do Samsung Galaxy A36, un dispositivo que xa comezou a xerar expectativas grazas ás súas primeiras filtracións. Recentemente, pasou por un test de rendemento, revelando características que non só sorprenden pola súa tecnoloxía, senón tamén polo potencial que ofrece en relación calidade-prezo.
Un salto adiante con Android 15 e procesadores Qualcomm
Unha das grandes novidades deste modelo é a integración de Android 15 como sistema operativo, acompañado da nova versión da capa de personalización One UI 7. Trátase da mesma versión coa que serán lanzados os Galaxy S25 a comezos de ano.
Por outra banda, tamén se apunta a que o novo smartphone de Samsung contaría cun procesador Qualcomm Snapdragon 6 Gen 3, garantindo potencia e eficiencia e deixando a un lado os modelos propios Exynos. Xunto a el, teríamos modelos desde os 6 GB de RAM.
Na cámara teríamos unha aposta de triple cámara traseira, da que o único que se sabe é que contará cun sensor de 50 MP. Na parte frontal a aposta será por un modelo de 12 MP.
Unha proposta sólida para a gama media que chegaría en marzo
Coas primeiras especificacións filtradas, o Samsung Galaxy A36 perfílase como unha opción atractiva para quen busca un dispositivo moderno, cun software actualizado e un rendemento sólido.
Está previsto que chegue -como é habitual na marca- arredor de marzo ao mercado. Porén, estaremos atentas ás próximas filtracións, que nos axudarán a confirmar todas as novidades dun dispositivo chamado a ser supervendas.