O sector financeiro español prepárase para unha nova transformación da man de Revolut. A fintech que moitas usuarias contrataron polas súas tarxetas prepego e boas condicións para cambios de divisa, está a piques de cambiar as regras de xogo. Partindo dos máis de 3,5 millóns de usuarias que ten no conxunto do Estado, a compañía anunciou unha serie de avances tecnolóxicos e servizos para o 2025, que terán no Estado español o seu campo de probas.
Unha destas grandes novidades é a estrea da súa rede de caixeiros automáticos de nova xeración, que a empresa ten previsto instalar inicialmente en Madrid e Barcelona. Ademais de permitir retirar cartos, tamén funcionarán como puntos de emisión instantánea de tarxetas Revolut. Así mesmo, contarán cun sistema de identificación facial incorporado, eliminando a necesidade de empregar tarxetas físicas ou códigos PIN.
Outra das novidades que Revolut probará no 2025 son as súas hipotecas dixitais, coas que promete a a aprobación inicial e a oferta final en tan só 24 horas. Nun comezo, este servizo estará dispoñíbel en Lituania, coa intención de expandilo a outros países de Europa no propio 2025, e eliminando a burocracia que adoita ter este trámite nas entidades financeiras. tradicionais.
Por último, e co foco posto en quen busca optimizar as súas finanzas, Revolut integrará un asistente financeiro impulsado por intelixencia artificial (IA). Este adaptará as súas recomendacións a cada usuaria, ofrecendo análises de gastos, consellos para mellorar hábitos financeiros e unha xestión simplificada das finanzas persoais.
Con todas estas novidades, Revolut busca seguir perfilándose como a gran alternativa na banca dixital, pero sen esquecer as necesidades que moitas usuarias teñen aínda de interactuar cos seus bancos no mundo físico.