Con máis batería, IA e resistencia: así imaxinamos o móbil do futuro

A evolución dos smartphones converteunos en ferramentas imprescindíbeis para o día a día, pero as usuarias non deixamos de imaxinar melloras nos dispositivos do futuro. Segundo un estudo realizado por OnePlus, as usuarias do Estado español teñen claro que características priorizan para os seus próximos teléfonos. A duración da batería, as funcións de intelixencia artificial (IA) e a resistencia física destacan como elementos chave.

A batería: o máis importante para as usuarias

Quedar sen batería segue sendo unha preocupación recorrente. O 75 % das persoas que responderon á enquisa identificaron unha batería de longa duración como a característica máis importante no seu próximo smartphone, por riba do rendemento do procesador (42 %) ou dunha cámara de alta resolución (35 %).

A IA tamén está transformando o uso dos móbiles. O 53 % dos españois considera imprescindíbeis estas funcións no seu próximo dispositivo, destacando utilidades como a tradución en tempo real (62%), buscas en linguaxe natural (50%) ou melloras na fotografía (41%).

Por último, a durabilidade tamén preocupa: o 91 % das usuarias valoran que os smartphones sexan resistentes a caídas, auga e po. Esta demanda evidencia a importancia de combinar deseño e robustez sen sacrificar innovacións tecnolóxicas.

Ademais, o estudo revela unha nova tendencia: un 65 % das enquisadas sinala que, en comparación con hai cinco anos, agora é máis importante xestionar o tempo de uso dos dispositivos, o que subliña unha crecente busca dun equilibrio entre vida dixital e persoal.

Por que cambiamos de móbil e con que frecuencia

O estudo elaborado por OnePlus tamén analiza os motivos que nos impulsan a cambiar de dispositivo. Entre eles destacan a duración limitada da batería (31%), os problemas de visibilidade baixo a luz do sol (19%) ou o sobrequecemento do dispositivo (17%).

En canto á frecuencia de renovación, o 42% das persoas que responderon á enquisa aseguran que cambian de móbil máis dunha vez ao ano, fronte un 27% que o fai anualmente e un 21% que fai a remuda cada dous anos.

Sobre o autor

Reply