O despregamento do 5G está a transformar a forma en que empresas, administracións e cidadáns interactuamos coa tecnoloxía. A operadora R (Grupo MASORANGE) e La Voz de Galicia organizaron onte o foro “Novas oportunidades de negocio: redes privadas 5G“. Un encontro no que se deron cita empresas, administracións e a universidade para analizar os múltiples beneficios destas infraestruturas, destacando o seu papel no rural e na economía local.
O director de R, Alfredo Ramos, subliñou no encontro o potencial do 5G para as pequenas empresas tecnolóxicas e as start-ups. Definiuno como a plataforma máis potente das últimas décadas, especialmente cando se combina con intelixencia artificial e computación de proximidade.
Ramos tamén presumiu do investimento do Grupo MASORANGE en Galiza para extender a cobertura 5G no noso país: 52 millóns de euros, boa parte financiados polos fondos do Plan Único Demanda Rural que permitiron á operadora achegar esta tecnoloxía a aproximadamente o 90% da poboación galega.
Entre as empresas que se beneficiaron desta mellora de cobertura está Agroamb. Esta compañía lucense ten en marcha dous proxectos pilotos coas redes privadas 5G de MASORANGE, aplicando solucións de sensorización na agricultura e gandeiría, que lle permitiron mellorar todos os seus procesos.
Desde o punto de vista da administración, o vicepresidente da FEGAMP e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, puxo en valor esta tecnoloxía como unha ferramenta indispensábel para o futuro do rural. Non só para fixar poboación e dar un servizo de calidade aló onde a fibra óptica aínda non chegou, senón tamén na automatización e xestión de elementos básicos para os concellos, como o alumeado público ou o control do ciclo da auga.
Alfredo del Corral, CEO de CINFO e presidente do Cluster TIC Galiza exemplificou as potencialidades das redes privadas 5G cos eventos multitudinarios, como concertos e festivais ou partidos de fútbol. O uso de redes privadas 5G nestas citas masivas permite ás empresas manter unha rede para comunicación dos traballadores e aplicar tecnoloxías como a produción audiovisual en tempo real na nube. E, ao tempo, maximízase a cobertura para as usuarias, evitando saturacións de rede pola potencialidade que ten o 5G.
E desde a Universidade, representada polo profesor da Universidade de Vigo Felipe Gil, botouse unha ollada ao futuro, destacando que mentres o 5G avanza as investigacións miran cara o seguinte reto: o 6G.
O exemplo do Port de Barcelona
Javier Olveira, do departamento de enxeñaría de MASORANGE, foi o encargado de presentar o proxecto que a compañía está a desenvolver no Port de Barcelona. Este porto sitúase como un referente en Europa, grazas á maior rede privada 5G do Estado español, cun investimento de 3,6 millóns de euros.
Unha infraestrutura avanzada que dá cobertura a máis de 500 empresas que operan a diario no porto, optimizando procesos críticos como a xestión loxística, a seguridade e o control en tempo real de mercadorías. Este modelo de conectividade avanzada demostra o potencial do 5G como ferramenta clave para mellorar a competitividade e adaptarse ás demandas dunha economía cada vez máis dixitalizada.
Evento completo dispoñíbel na rede
O foro “Novas oportunidades de negocio: redes privadas 5G” foi retransmitido en directo, e a súa gravación está dispoñíbel no seguinte vídeo.