Philips vén de anunciar tres novos monitores profesionais que destacan polo seu compromiso co medio ambiente, grazas ás melloras en eficiencia enerxética. Son os modelos 27B2G5500, 24B2G5200 e 27B2G5200, que tamén destacan pola calidade e o rendemento visual.
Os modelos 24B2G5200 e 27B2G5200 contan cunha resolución Full HD e unha frecuencia de actualización de 100 Hz, mentres que o 27B2G5500 incorpora resolución Quad HD para unha experiencia visual máis detallada. Todos eles integran tecnoloxías como o LightSensor, que axusta automaticamente o brillo en función da luz ambiente, e o PowerSensor, que detecta a presenza das usuarias para activar o modo de aforro enerxético, permitindo un aforro de até un 80% no consumo eléctrico.
Todos eles inclúen certificación TÜV Rheinland EyeSafe 40, así como as tecnoloxías SoftBlue e low blue mood, que reducen as emisións de luz azul prexudicial, facendo que o traballo prolongado sexa máis cómodo para a vista. Ademais, o deseño ergonómico permite axustar a altura, inclinación, rotación e pivote do soporte, adaptándose ás necesidades de cada usuaria.
Dispoñibilidade dos novos monitores de Philips
Os novos monitores de Philips xa están dispoñíbeis no noso país, por un prezo recomendado de 279 euros para o modelo 27B2G5500 e 219 euros para os modelos 24B2G5200 e 27B2G5200.
Ademais, Philips aproveitou o lanzamento destes tres novos monitores para avanzar que a gama ampliarase en decembro con dous novos modelos, 24B2G5301 e 27B2G5601, nos que continuarán apostando pola innovación e a sustentabilidade.