A plataforma de microblogging Bluesky, que nas últimas semanas se consolidou como unha das principais alternativas a X / Twitter, está dispoñíbel en galego desde a última actualización. Este avance é resultado do traballo colectivo liderado polo activista dixital Carlos Vieito, que en menos dun mes logrou que o galego se sumase ás case 30 linguas dispoñíbeis nesta rede social.
A configuración de Bluesky na nosa lingua é realmente sinxela, e pode facerse directamente desde os axustes da aplicación web para a versión escritorio. Tamén está dispoñíbel para as usuarias de Android, polo que tamén podemos desfrutar desta novidade nos nosos smartphones e tablets.
Bluesky, lanzada en 2019 por Jack Dorsay (quen tamén fora un dos fundadores de Twitter), recupera con esta tradución á nosa lingua terminoloxía xa asentada entre as usuarias galegas. Palabras como chío, rechouchío ou cancelo regresan con forza, dando continuidade á idiosincrasia dixital que caracterizou a comunidade galega na antiga rede do paxariño azul. Ademais, como apuntou Carlos Vieito en declaracións a Nós Diario, o proceso de tradución procurou unha linguaxe inclusiva e neutra, buscando que a experiencia na plataforma sexa o máis universal e respectuosa posíbel.
Nesta tradución colaboraron tamén Alexandre Espinosa e Xurxo GP, encargados de traducir e programar para que a plataforma poida seguir medrando na nosa lingua. A tradución segue activa para incorporar actualizacións futuras, garantindo que o galego continúe a estar representado en Bluesky.
Bluesky consolidouse como un “refuxio dixital” para aquelas persoas usuarias que buscan unha alternativa máis saudábel e amigábel a X, tras os polémicos cambios introducidos por Elon Musk. Unha comunidade á que tamén nos sumamos desde Mallando no Android, onde seguiremos coa nosa labor de divulgación tecnolóxica, reforzando a presenza da nosa lingua neste novo espazo dixital.