REDMI anunciou onte novos dispositivos, os REDMI K80 e REDMI K80 Pro. Dous modelos cos que a marca aproveitou para redeseñar a súa marca, estreando nova imaxe corporativa. Mantén, iso si, a estratexia de ofrecer modelos que por características poderían ser de alta gama a uns prezos moito máis reducidos.
REDMI K80 Pro
O REDMI K80 Pro sitúase como o dispositivo máis avanzado da marca até a data, destacando especialmente en potencia e deseño. Incorpora o procesador Snapdragon 8 Elite de Qualcomm, o máis potente dos dispoñíbeis actualmente no mercado, xunto cun sistema de refrixeración por cámara de vapor para garantir un rendemento estable mesmo nas tarefas máis esixentes, como videoxogos ou edición multimedia.
A súa pantalla é un panel AMOLED QHD+ de 6,67 polgadas con 120 Hz, 12 bits de cor, HDR10+ e un brillo máximo de 3.200 nits. No seu interior temos varias combinacións de memoria RAM e capacidade interna, sendo a máis ambiciosa de 24 GB + 1 TB, incluíndo unha colaboración especial con Lamborghini.
No apartado fotográfico temos un conxunto fotográfico triplo, formado por unha cámara principal de 50 MP con estabilización óptica (OIS), un gran angular de 32 MP e un telefoto de 50 MP con zoom óptico 2,5x.
A súa batería é de 6000 mAh con carga rápida de 120 W (100 % en só 28 minutos) e carga sen fíos de 50 W. O seu sistema operativo é HyperOS 2.0, baseado en Android 15, que inclúe numerosas funcións avanzadas baseadas en Intelixencia Artificial (IA).
REDMI K80
Pola súa banda, o REDMI K80 presenta unha versión máis accesíbel pero igualmente competitiva. Mantén a mesma pantalla, pero o procesador é o Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, o modelo de referencia de Qualcomm do ano pasado, que segue ofrecendo un rendemento excelente para a meirande parte das usaurias.
O sistema de cámaras é dual, cunha principal de 50 MP e unha angular de 8 MP, ás que se suma unha cámara frontal de 20 MP. No interior temos unha batería de 6.650 mAh con carga rápida de 90 W; configuracións de memorias que chegan até os 16 GB de RAM e 512 GB de almacenaxe interna e HyperOS 2.0 como sistema operativo.
Dispoñibilidade e prezo dos novos modelos de REDMI
Os novos dispositivos de REDMI xa poden adquirirse na China, sen que polo de agora teñamos información de cando estarán dispoñíbeis no noso país.
En canto a prezos, o REDMI K80 Pro ten un prezo de partida duns 480 euros ao cambio, mentres que o REDMI K80 está dispoñíbel a partir duns 325 €. Haberá que agardar a que se anuncie a chegada ao noso país para ver como se actualizan estas cantidades.