Google Maps elimina os reportes de radares (pero existen outras opcións)

Google Maps está a preparar un cambio importante nunha das súas funcionalidades máis populares ao volante. A opción de informar sobre radares temporais, que moitas condutoras viñan empregando para previr sancións por exceso de velocidade, será eliminada e substituída por unha funcionalidade máis xeral baixo a categoría de “Policía“.

Até o de agora, podíase reportar a presenza de radares móbiles, algo especialmente útil para aquelas persoas que percorren longas distancias e queren estar atentas aos controis de velocidade. Porén, esta funcionalidade evolucionará para permitir só o reporte da presenza policial en xeral. Isto abrangue non só os controis de velocidade, senón tamén outras situacións como a xestión do tráfico, accidentes ou outro tipo de necesidade que poida requerir a presenza policial na estrada.

Este cambio xa está activo nos Estados Unidos, segundo informa Android Authority, e espérase que chegue a outros países nas vindeiras semanas. Ademais, a nova categoría de “Policía” estará dispoñíbel tamén en Android Auto e Apple CarPlay, garantindo unha experiencia uniforme en todas as plataformas.

Con esta modificación, Google Maps busca promover unha maior atención á condución segura. Aínda que a opción de “Policía” pode seguir sendo un aviso útil para reducir a velocidade, o foco xa non estará exclusivamente nos radares, senón en ofrecer unha visión máis ampla das incidencias na estrada.

Foto portada: Faro de Vigo

Sobre o autor

Reply