A partir do 1 de xaneiro de 2025, Vodafone actualizará os prezos das súas tarifas, aplicando un incremento ligado ao IPC medio entre setembro de 2023 e outubro de 2024, estimado nun 3%. Esta subida, habitual nos operadores tradicionais ao comezo do ano, terá varias peculiaridades, especialmente no que respecta aos clientes máis antigos e ás medidas para compensar o aumento.
A quen afecta a suba de prezos de Vodafone
Non todas as usuarias de Vodafone experimentarán este incremento de prezos. Os principais cambios afectan a clientes máis antigos, con tarifas contratadas antes de xuño de 2024. O incremento medio será duns 0,60 €, para aquelas persoas que só teñen servizo de móbil, e de 2,50 € para quen dispoña de paquetes combinados de fibra e móbil.
Quedarán exentas desta suba de prezos as usuarias que contrataron a súa tarifa despois de xuño de 2024, os colectivos vulnerábeis acollidos ás tarifas sociais e as usuarias de Lowi, a marca de baixo custe de Vodafone.
Compensacións para as usuarias afectadas
Vodafone introducirá unha serie de beneficios exclusivos para as usuarias que vexan aumentada a súa factura, e que estarán dispoñíbeis a través da aplicación MiVodafone desde o 1 de xaneiro de 2025. Entre estes beneficios destacan:
- Acceso a Vodafone TV, con máis de 70 canles, durante un ano sen custe adicional (servizo valorado en 60 €).
- AMC+ gratuíto durante un ano (subscrición valorada en 48 €).
- Securenet, a solución de ciberseguridade de Vodafone, con protección para liñas de Internet e móbiles, de balde por un ano (valorado en 12 €).
- Un dispositivo de balde, cun valor de até 100 € (un smartwatch, auriculares ou similar).
Por que Vodafone sube os prezos
Vodafone, igual que fixo Movistar hai uns días, xustifica esta actualización de prezos como unha medida necesaria para manter a calidade do servizo e poder seguir investindo nas súas infraestruturas de rede. Segundo a compañía, isto é clave para poder ofrecer conexións estábeis e adaptarse ás demandas crecentes das usuarias.