PNY presenta a memoira USB PRO Elite V3, que leva o rendemento dun SSD a un pendrive

PNY, a empresa estadounidense especializada no desenvolvemento e fabricación de solucións de memoria e tarxetas gráficas, vén de anunciar a súa última innovación no mercado do almacenamento portátil: a memoria USB PRO Elite V3 USB 3.2 Gen 2. Unha nova unidade que redefine os estándares de rendemento das memorias USB, ofrecendo velocidades de lectura de até 1.000 MB/s e escritura de até 800 MB/s, e con capacidades que oscilan entre os 256 GB e 1 TB.

Con estes datos sobre o papel, a memoria PRO Elite V3 está deseñada para satisfacer as necesidades máis esixentes de creadoras de contido, deseñadoras, xogadoras e profesionais que manexan grandes volumes de datos. A súa tecnoloxía USB 3.2 Gen 2 consegue velocidades até 265 veces superiores ás dun USB 2.0 convencional, permitindo transferencias ultrarrápidas de vídeos 4K, fotografías profesionais en alta resolución ou datos de videoxogos.

Está fabricada cunha carcasa metálica negra de alta calidade, e incorporando unha tapa deslizante que protexe o conector USB cando non está en uso, ademais dun enganche para chaveiros. Este deseño garante portabilidade, estilo e seguridade para os datos máis sensíbeis.

Como cabería agardar, a PRO Elite V3 é compatíbel coa maioría de dispositivos con conexión USB 3.2 Gen 2, e tamén con versións anteriores, como USB 3.2 Gen 1, USB 3.0 e USB 2.0. Isto asegura a súa versatilidade para traballar en diferentes equipos, tanto portátiles como de sobremesa.

Dispoñibilidade da memoria USB PNY PRO Elite V3

As memorias USB PNY PRO Elite V3 estarán dispoñíbeis proximamente a través da rede oficial de distribución de PNY, nas capacidades de 245 GB, 512 GB e 1 TB. Con este lanzamento, PNY reafirma o seu compromiso de seguir innovando nun campo pouco vistoso: o do almacenamento portátil.

Sobre o autor

Reply