A operación de compra da operadora rural Adamo podería devolver a Telefónica a unha posición privilexiada no mercado da conectividade nas zonas menos poboadas do Estado español. Tras o fracaso na adquisición de Avatel, Adamo convértese na nova peza chave para afortalar a presenza do grupo en concellos rurais.
Adamo, igual ca Avatel, destaca pola súa ampla cobertura en zonas rurais, ofrecendo conexión por fibra óptica, telefonía móbil e fixa, e servizos de TV a máis de 210.000 usuarias en áreas onde outras operadoras apenas compiten. Está presente en máis de 2.400 concellos, dos cales o 80% teñen menos de 5.000 habitantes, e a súa infraestrutura abarca 3,7 millóns de unidades inmobiliarias en comunidades como Galiza, Catalunya, Andalucía, e Castela e León, entre outras.
Desde 2020, Adamo aproveitou fondos europeos para despregar fibra óptica no medio rural, mobilizando un investimento total de 470 millóns de euros, incluíndo recursos propios e subvencións públicas. o que lle permitiu incrementar notabelmente a súa pegada de fibra.
Por que Telefónica é a mellor valorada
A posíbel venda de Adamo, valorada nuns 300 millóns de euros, exclúe os activos de rede e os servizos maiorías de Adamo, o que redeuce a competencia de outras operadoras.
Hai que ter en conta que Vodafone está altamente endebedada tras a adquisición por Zegona, dificultando unha oferta viábel, e que MASORANGE tamén conta con gran carga financeira tras a consolidación dos grupos Orange e MasMovil. Por último, Digi vendeu recentemente a súa rede de fibra para financiar expansións, polo que non encaixa como posíbel compradora.
Por iso as expertas coinciden en que Telefónica ten a capacidade financeira, a experiencia e a necesidade estratéxica de recuperar terreo no ámbito rural, un segmento que fora relegado durante anos.
De acabar materializándose a operación, Telefónica sairía beneficiada dos investimentos públicos e privados xa realizados, ao tempo que reforzaría a súa estratexia de redución da fenda dixital no medio rural. Nun contexto onde o teletraballo e a conectividade de alta velocidade son imprescindíbeis, esta adquisición podería consolidar a súa posición como líder en conectividade no conxunto do Estado.