Motorola anuncia edicións especiais Mocha Mousse dos razr 50 ultra e edge 50 neo

Motorola continúa a súa colaboración con Pantone, celebrando a Cor do Ano 2025, o PANTONE 17-1230 Mocha Mousse, coa presentación de sendas edicións especiais dos seus dispositivos motorola razr 50 ultra e motorola edge 50 neo. Este sofisticado ton marrón, inspirado no cacao e o café, pretende evocar o confort e a sinxeleza dos praceres diarios, transformando un ton humilde nun símbolo de luxo e elegancia.

Motorola apunta que o Mocha Mousse non só é unha elección estética, senón tamén unha experiencia sensorial. De feito, o fabricante incorporou unha incrustación feita con posos de café nos dispositivos, engadindo un acabado cálido e reconfortante que conecta o mundo tecnolóxico co natural.

Co seu icónico deseño encartábel, o razr 50 ultra ofrece unha combinación de estilo nostálxico e tecnoloxía avanzada. A súa ampla pantalla externa permite unha interacción fluída e versátil, mentres que a función Flex View facilita a captura de recordos desde calquera ángulo. Ademais, a súa cámara activada cun simple xiro do pulso proporciona rapidez e comodidade.

Pola súa banda, o edge 50 neo destaca pola súa combinación de deseño duradeiro e sofisticado. Este dispositivo foi creado para ofrecer unha experiencia equilibrada entre arte e tecnoloxía, cunha estética refinada. É a opción de Motorola para aquelas persoas que valoran tanto a funcionalidade como a expresión persoal.

Dispoñibilidade no noso país

Motorola adiantou que os novo razr 50 ultra e edge 50 neo en PANTONE 17-1230 Mocha Mousse estarán dispoñíbeis no noso país proximamente, se ben non confirmou o seu prezo.

Estas edicións especiais representan unha nova era na integración de arte, natureza e tecnoloxía, consolidando a colaboración entre Motorola e Pantone como unha referencia no deseño de dispositivos.

Sobre o autor

Reply