A beta de One UI 7, a nova capa de personalización de Samsung baseada en Android 15, xa está dispoñíbel para as usuarias da serie Galaxy S24 en varios países. Con esta actualización, Samsung busca ofrecer unha experiencia máis intuitiva e personalizada grazas ás ferramentas avanzadas de intelixencia artificial (IA) e a un redeseño completo da interface de usuario.
One UI 7: unha interface máis simple e funcional
One UI 7 destaca pola súa aposta por un deseño renovado e funcional. A pantalla de inicio e a de bloqueo foron simplificadas para mellorar a usabilidade. Agora, os widgets teñen un aspecto máis limpo e permiten unha interacción máis fluída. Unha das novidades máis destacadas é a incorporación da “Now Bar”, unha barra de ferramentas situada na parte inferior da pantalla de bloqueo que ofrece acceso directo a funcións como Música, Intérprete, Cronómetro ou Gravación.
Ademais, as notificacións recibiron un redeseño para ser máis accesíbeis e claras. Os botóns e controis de configuración reorganizáronse para que sexa máis doado atopar o que necesitamos e, ao mesmo tempo, visualizar unha vista previa das opcións seleccionadas.
Máis avances en intelixencia artificial para aumentar a produtividade
Samsung incorpora novidades de Galaxy AI nesta nova versión do sistema operativo, que van na liña das que xa coñeciamos: resumo de contidos, corrección ortográfica e gramatical ou transcrición de chamadas. Todas elas reciben novidades, que haberá que ver que teñen de novo fronte a versión disruptiva dos S24 no momento do seu lanzamento.
Por outra banda, Samsung tamén redeseñou varias das súas aplicacións nativas, como Reloxo e Calendario, para facer a experiencia máis agradábel e visualmente coherente. Porén, algunhas ferramentas foron eliminadas, como os ‘Edge Panels’ e Samsung DeX, marcando un cambio na dirección do ecosistema Galaxy.
Disponibilidade e lanzamento oficial de One UI 7
A beta de One UI 7 está dispoñíbel inicialmente en Alemaña, India, Corea, Polonia, Reino Unido e Estados Unidos para a serie Galaxy S24. As usuarias interesadas en probar esta versión poden rexistrarse a través de Samsung Members.
A versión estábel de One UI 7 estará dispoñíbel no primeiro trimestre de 2025 e estrearase nos próximos dispositivos da serie Galaxy S. Esta actualización promete redefinir o uso dos smartphones Samsung, ofrecendo unha experiencia máis intuitiva e adaptada ás necesidades das usuarias.