Motorola Moto G15: especificacións filtradas antes do seu lanzamento oficial

O Moto G15 é o novo dispositivo de entrada de Motorola, e aínda que o seu lanzamento oficial está próximo, as especificacións principais xa saíron á luz. Un dispositivo que chega con melloras significativas respecto ao seu predecesor, o Moto G14, prometendo unha experiencia accesíbel pero con funcionalidades interesantes para o día a día.

No seu interior, o Moto G15 virá equipado co procesador MediaTek Helio G81 Extreme, acompañado da GPU Mali-G52 MC2, ofrecendo un rendemento notábel para un dispositivo de entrada. Esta combinación supón un paso adiante respecto ao chip Unisoc T616 do Moto G14. Ademais, contará con 8 GB de memoria RAM e 256 GB de almacenamento interno, que poderán expandirse mediante tarxetas microSD, dobrando tanto a RAM como o almacenamento en comparación co modelo anterior.

Contará cunha pantalla IPS LCD de 6,72 polgadas con resolución Full HD+, unha taxa de refresco de 60 Hz e soporte para HDR10, garantindo unha experiencia visual agradábel. Ademais, estará protexida con Gorilla Glass 3 para maior durabilidade.

No apartado fotográfico, a filtración apunta a que o Moto G15 virá equipado cunha cámara principal de 50 MP con apertura f/1.8, acompañada dun sensor de 5 MP (aínda por confirmar se será ultra gran angular). Na parte frontal, incluirá unha cámara para autorretratos de 8 MP, colocada no centro da pantalla mediante un oco.

A súa batería será de 5.200 mAh, sendo compatíbel con carga rápida TurboPower de 18 W. Completando a lista de características, o Moto G15 incluirá escáner de pegadas dixitais (no lateral), certificación IP54, Bluetooth 5.4 e Android 15 como sistema operativo.

Dispoñibilidade e prezo do Moto G15

O lanzamento oficial está á volta da esquina, mais sen unha data concreta polo de agora. Estará dispoñíbel en verde e gris cun acabado en pel vegana, cun prezo estimado de 200 €.

Con esta folla de especificacións, o Moto G15 apunta a ser unha opción atractiva para quen busca un teléfono de entrada cun bo equilibrio entre prezo, rendemento e deseño.

Sobre o autor

Reply