O Vivo V40 SE 80W chegou ao mercado co obxectivo de destacar nun sector altamente competitivo. Este smartphone de gama media ofrece unha combinación de características que prometen convencer ás usuarias máis esixentes: unha carga rápida de 80 W, un deseño elegante e unha pantalla que brilla tanto en interiores como en exteriores. O trebello vén de pasar pola nosa mesa de probas, onde analizamos en detalle todo o que este terminal ofrece para determinar se está á altura das expectativas.
Deseño e acabados
Un dos puntos máis atractivos do Vivo V40 SE 80W é o seu deseño. Cunha parte traseira en acabado mate degradado, que combina estética e funcionalidade, o dispositivo logra un aspecto elegante e sofisticado. Aínda que a traseira é de policarbonato, o terminal non desmerece grazas a detalles coidados e marcos no mesmo ton. Ademais, as súas dimensións de 7,99 mm de grosor e un peso de 191 gramos fan que sexa cómodo de agarrar e de usar no día a día.
No lateral dereito do dispositivo temos os botóns de control de volume, situados na parte superior, e o botón de acendido, na inferior. Na parte inferior sitúase tanto o conector USB-C como o altofalante e a bandexa extraíbel para a tarxeta SIM. E, finalmente, na parte traseira temos o módulo das cámaras, que sobresae lixeiramente do dispositivo.
Está dispoñíbel en cores vivas e actuais, moradao e dourado, que acentúan o seu carácter xuvenil e dinámico. Non obstante, un punto negativo é que as pegadas poden quedar marcadas con facilidade na parte traseira, algo que afecta a súa estética inicial.
Hardware e rendemento
No interior do Vivo V40 SE 80W atopamos o procesador Qualcomm Snapdragon 4 Gen 2, un chip eficiente que destaca pola súa capacidade para tarefas diarias como a navegación en redes sociais, a reprodución multimedia e mesmo xogos ocasionais. Con 8 GB de memoria RAM e 256 GB de almacenamento interno, o dispositivo ofrece un rendemento sólido para usuarias medias, e a tecnoloxía de ampliación de RAM virtual permite acadar un total de 16 GB en momentos de alta demanda.
Porén, en escenarios máis esixentes, como xogos avanzados ou edición de vídeo, poden notarse pequenas limitacións no procesador. A súa GPU Adreno 613 cumpre coa maioría de tarefas gráficas, pero sen dobresaír.
No apartado da conectividade é un modelo que destaca, ao incluír o 5G e dual SIM, coa posibilidade ademais de empregar eSIM, que sempre é unha característica que suma, especialmente se nos plantexamos poder facer viaxes ao extranxeiro. O Bluetooth queda na versión 5.1, e ofrece WiFi de dobre banda, en 2.4 e 5 GHz.
Pantalla
O dispositivo está equipado cun panel AMOLED de 6,67 polgadas, que é outro punto forte deste dispositivo. Cunha resolución FullHD+ e unha taxa de refresco que chega até os 120 Hz, a pantalla ofrece cores vivas, un gran contraste e unha experiencia fluída. O brillo máximo de 1.800 nits permite visualizar contido incluso en condicións de luz solar directa.
Esta pantalla está protexida por Gorilla Glass 3, o que lle achega durabilidade sen comprometer a calidade visual. É ideal para consumir contido multimedia e utilizar aplicacións nunha experiencia inmersiva e agradable.
Cámara
O Vivo V40 SE 80W aposta por unha configuración fotográfica versátil. O sensor principal de 50 MP ofrece bos resultados en condicións de luz axeitadas, destacando polos detalles e a nitidez. A lente ultra grande angular de 8 MP complementa o conxunto.
Cabe destacar a presenza do Aura Light, o novo flash en forma de anel que mellora significativamente a iluminación para fotos de preto, ofrecendo un resultado máis natural ca os flash tradicionais. Unha innovación que o fabricante decidiu implementar neste modelo de gama media.
Na parte frontal, a cámara de 32 MP brilla para selfies, garantindo boa calidade grazas á súa lente avanzada. Ademais, a presenza de funcionalidades de IA, como a restauración de fotos antigas e a eliminación de obxectos, incrementa as posibilidades creativas.
Software
O dispositivo chega con Android 14 baixo a capa de personalización Funtouch OS 14. Esta combinación ofrece unha experiencia sinxela e funcional, con opcións de personalización e optimización axeitadas para as usuarias medias.
Sen ser unha capa pesada, si que atopamos un exceso de aplicacións preinstaladas, que inclúen xogos, ferramentas de diagnóstico, redes sociais e mesmo viaxes. Agora ben, estas aplicacións poden eliminarse para alixeirar visualmente os menús do dispositivo.
Batería
A batería de 5.000 mAh é un dos puntos máis destacados do Vivo V40 SE 80W. Ofrece unha autonomía de até un día e medio con uso moderado, grazas á eficiencia do procesador. Ademais, a carga rápida de 80 W permite recuperar o 100 % da batería en pouco máis de media hora, o que é ideal para usuarias que precisan unha solución rápida para o seu día a día.
Hai que dicir que para isto precisamos dun cargador de 80W compatíbel, que se comercializa á parte, pero que Vivo ofrece asiduamente como promoción no paquete de venda.
Conclusións
Tras ter analizado este trebello, podemos concluír que o Vivo V40 SE 80W preséntase como unha opción sólida para aquelas persoas que buscan un smartphone de gama media con deseño premium, unha pantalla destacada e unha autonomía fiábel. A súa cámara principal cumpre en condicións normais, aínda que as súas lentes adicionais quedan algo curtas.
Polos 299 euros nos que se pode adquirir actualmente, é unha proposta interesante, especialmente para quen valore a carga rápida e unha pantalla de alta calidade.