Huawei vén de anunciar o lanzamento dos FreeBuds Pro 4, os seus auriculares premium sen fíos que elevan a experiencia auditiva a novos estándares grazas a un son mellorado, cancelación de ruído avanzada e un deseño elegante. Presentados en Dubai, os FreeBuds Pro 4 destacan por ofrecer tecnoloxías innovadoras que prometen conquistar ás usuarias máis esixentes.
Os novos FreeBuds Pro 4 chegan nun estoxo de carga e transporte en forma de ovo, compacto e fácil de manexar, que inclúe un LED indicador no exterior. Os auriculares, cun tamaño reducido, presentan tallos curtos e superficies táctiles que facilitan o control das funcións.
Un dos puntos máis destacados destes auriculares é o seu sistema de dobre controlador, que combina unha unidade dinámica de catro imáns de 11 mm cun tweeter micro-planar. Esta configuración garante un son rico e dinámico, ideal para as amantes da música.
Huawei tamén incorpora a súa tecnoloxía de cancelación activa de ruído (ANC), respaldada por intelixencia artificial. A funcionalidade de cancelación de ruído complétase cun micrófono de conducción ósea de alta sensibilidade, capaz de diferenciar con precisión as voces humanas do ruído ambiental para ofrecer chamadas claras e nítidas.

Os FreeBuds Pro 4 introducen unha experiencia de audio espacial ultra-inmersivo, que mellora a sensación de profundidade e tridimensionalidade sonora. Ademais, son compatíbeis co codec LDAC, garantindo unha calidade de son de alta resolución.
Están certificados co estándar IP54, o que lles proporciona resistencia ao po e á auga, ideal para actividades ao aire libre ou escenarios cotiás esixentes. Tamén destacan pola súa autonomía, de até 6,5 horas de reprodución sen ANC e 4,5 horas con ANC, grazas á batería de 55 mAh en cada auricular.
O estoxo de carga, con 510 mAh, amplía a duración total a 33 horas sen ANC ou 23 horas con ANC.
Dispoñibilidade e prezo dos novos Huawei FreeBuds Pro 4
Os Huawei FreeBuds Pro 4 estarán dispoñíbeis en Europa a partir do 9 de xaneiro por un prezo de 199 euros.
Poderanse adquirir en tres opcións de cor: negro, verde e branco, adaptándose a diversos gustos e estilos.
