Realme segue apostando forte no mercado da gama media-alta cun dispositivo que promete romper moldes: o Realme Neo 7. Este smartphone chega co obxectivo de satisfacer as esixencias máis altas das usuarias grazas a un rendemento punteiro, unha batería de longa duración e unha pantalla de calidade superior. Está dispoñíbel cun prezo inicial duns 350 dólares ao cambio.
Un dos puntos máis destacados do Realme Neo 7 é a súa pantalla LTPO AMOLED de 6,78 polgadas con resolución 1,5K. Este panel combina nitidez e cores vibrantes cunha taxa de refresco de 120 Hz e un tempo de resposta táctil ultrarrápido de 2600 Hz. Ademais, acad un brillo máximo de 6000 nits, o que o fai ideal para o uso en exteriores baixo luz solar intensa.
Está equipado co procesador Mediatek Dimensity 9300+, unha solución octa-core que combina eficiencia e potencia. Xunto a opcións de 12GB ou 16GB de RAM, o dispositivo ofrece unha experiencia fluída tanto en multitarefa como en xogos e aplicacións esixentes.

O apartado fotográfico do Realme Neo 7 inclúe unha cámara principal de 50 megapíxeles co sensor Sony IMX882, que conta con estabilización óptica de imaxe (OIS) e unha apertura f/1.9. Este sensor destaca na captura de fotos nítidas, mesmo en condicións de pouca luz. Complementándoo temos unha cámara ultra gran angular de 8 megapíxeles con 112º de campo de visión. E xa no frontal, unha cámara de 16 megapíxeles.
A súa batería é de 7000 mAh, unha capacidade que o coloca moi por riba da media. Esta autonomía está pensada para usuarias intensivas que demandan un dispositivo que dure todo o día sen problemas. Ademais, a tecnoloxía SuperVOOC de 80W permite cargar a batería pouco tempo.
Dispón de opcións de 256GB ou 512GB de almacenamento, e no apartado de conectividade, destaca o soporte para 5G , garantindo descargas rápidas. Como sistema operativo leva a capa de personalización Realme UI 6, baseada en Android 15.
Dispoñibilidade e prezo do Realme Neo 7
O realme Neo 7 xa está dispoñíbel nalgúns mercados desde 350 dólares. Pódese adquirir en negro, azul e branco, e aínda que polo de agora non temos información de cando vai chegar ao noso país, é de imaxinar que non tardará en facelo.
