Xiaomi POCO Pad: á venda no noso país con oferta de lanzamente polo Nadal

Xiaomi quere seguir reforzando a súa aposto polo mercado español co lanzamento dunha nova tablet de gama media. Falamos da nova Xiaomi POCO Pad, un modelo que combina deseño, rendemento e un prezo competitivo, nun trebello que está orientado ao consumo de contidos multimedia. O novo dispositivo está dispoñíbel por tempo limitado cun desconto especial, prometendo converterse nunha opción moi atractiva para estas festas.

Gran pantalla e bo rendemento

A POCO Pad apóstao todo á pantalla, un panel de 12,1 polgadas con resolución 2.5K que resulta moi interesante para a visualización de películas e series, mais tamén para a navegación web ou a consulta de documentos. Ten unha relación de aspecto de 16:10, próxima aos formatos máis habituais de Netflix e YouTube, e é compatíbel con Dolby Vision, unha tecnoloxía que ofrece contidos con cores vibrantes.

Ademais, o brillo máximo de 600 nits garante unha experiencia visual óptima incluso en condicións de moita luz, mentres que os catro altofalantes compatibles con Dolby Atmos aseguran un son envolvente sen necesidade de auriculares (aínda que non renuncia ao conector de 3,5 mm para quen prefira utilizalos). Como extra, a frecuencia de refresco de 120 Hz adáptase automaticamente ao contido, proporcionando fluidez e optimizando a batería a longo prazo.

No interior, a POCO Pad incorpora o procesador Snapdragon 7s Gen 2, deseñado para ofrecer un rendemento sólido tanto en tarefas cotiás como en xogos e traballo. Este chip está acompañado dunha batería de 10.000 mAh, capaz de soportar ata 16 horas de reprodución de vídeo online, segundo Xiaomi.

Para quen precise conectividade avanzada, a tablet é compatíbel con WiFi 6, ideal para aproveitar as vantaxes dos routers modernos. Ademais, dispón de cámaras frontal e traseira, ambas de 8 MP, con tecnoloxía FocusFrame na frontal para mellorar a calidade das videoconferencias.

Como sistema operativo, a POCO Pad funciona con HyperOS, baseado en Android. Ademais, é compatíbel co lápis táctil Smart Pen (vendido por separado) e coa app Lienzos Mi, que pode ser de interese para quen busque un dispositivo no que debuxar. Tamén se pode adquirir unha funda con teclado para converter a tablet nunha ferramenta de produtividade máis completa, algo que pode interesar a persoas que buscan un dispositivo de traballo en portabilidade.

Dispoñibilidade, prezo e oferta de lanzamento

A nova tablet POCO Pad comercialízase nunha única configuración de memoria, con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, por un prezo de 299,99 euros. Con motivo do seu lanzamento, Xiaomi ofrece un desconto especial, deixando a tablet en 239,99 euros até o 29 de decembro, unha oportunidade perfecta para quen busque un regalo tecnolóxico ou renovar o seu dispositivo.

Sobre o autor

Reply