A app ‘Mi Carpeta Ciudadana’ engade importantes novidades na súa última actualización

Se hai unha aplicación que destaca entre as ofrecidas polas Administracións Públicas no Estado, esa é Mi Carpeta Ciudadana. Coñecida por facilitar trámites esenciais como a consulta da vida laboral, a expedición de certificados académicos ou o acceso ao padrón e á Tarxeta Sanitaria Europea, esta app converteuse nunha ferramenta imprescindíbel para as cidadás. Agora, coas súas últimas melloras, quere dar un paso máis e ser tamén esencial para empresas.

A recente actualización amplía a súa funcionalidade ofrecendo unha experiencia mellorada para as usuarias individuais e presentando, por primeira vez, un perfil específico para empresas. Isto sitúa a Mi Carpeta Ciudadana como unha app pioneira no ámbito da administración dixital, reforzando o seu obxectivo de simplificar e centralizar os trámites coa Administración Pública.

Principais novidades para empresas

A gran novidade desta actualización é a incorporación dun perfil específico para empresas. Este novo rol permite que as organizacións poidan realizar xestións directamente desde o móbil, integrando e consultando nun só espazo información xestionada por diferentes organismos públicos.

Entre as funcións dispoñibles destacan:

  • Notificacións e expedientes: acceso á información relativa ás comunicacións oficiais enviadas pola Administración.
  • Axudas e subvencións: consulta de programas dispoñíbeis e estado de solicitudes.
  • Estado tributario: comprobación do cumprimento das obrigas fiscais e información sobre pagos pendentes.

Este perfil busca ofrecer ás empresas unha ferramenta eficaz para axilizar trámites e mellorar a súa xestión administrativa diaria.

Principais novidades para as persoas

Ademais de abrirse ao ámbito empresarial, a app incorpora nesta actualización varias melloras que fan aínda máis completa a experiencia para as usuarias particulares:

  • Consulta mellorada da Tarxeta Sanitaria Europea, permitindo un acceso máis rápido e intuitivo.
  • Axilidade na comunicación de cambios de domicilio, optimizando o proceso e reducindo os tempos de espera.
  • Novos datos dispoñíbeis: a actualización engade información sobre propiedades, titulacións e certificados náuticos, pensións para o colectivo de clases pasivas e datos específicos relacionados coa condución e obrigas tributarias.
  • Citas previas máis eficientes, grazas a un sistema renovado que facilita a solicitude e xestión das mesmas.

Unha app referente no sector

Con esta actualización, Mi Carpeta Ciudadana consolídase como un referente no panorama das aplicacións públicas, incorporando funcións avanzadas que melloran tanto a experiencia individual como a operativa empresarial.

A aplicación é gratuíta, e pode descargarse desde a Play Store. Para acceder a ela precisaremos ter instalado o certificado dixital no noso móbil, ou ben Cl@ve móbil, Cl@ve PIN ou Cl@ve permanente

Descarga | Mi Carpeta Ciudadana

Sobre o autor

Reply