Crea un elfo, xoga e segue a Papá Noel en tempo real co Santa Tracker de Google

En Galiza, o Nadal é sinónimo de maxia e tradición grazas á figura do Apalpador, o carboeiro que baixa das montañas para apalpar as barriguiñas das crianzas e deixar agasallos. Aínda que non temos unha aplicación que nos permita seguir os seus pasos, podemos gozar dunha experiencia semellante grazas a Google. A través de Santa Tracker, podemos rastrexar en tempo real a viaxe de Papá Noel arredor do mundo, e cun detalle extra que nos fai sorrir: o xogo web está dispoñíbel en galego.

Papá Noel máis preto ca nunca

Papa Noel está a piques de comezar a súa viaxe, na que visitará fogares de todo o planeta para deixar agasallos baixo as árbores de Nadal. Con Google Santa Tracker, poderemos seguir o seu trineo cargado de agasallos, a súa localización e o seu progreso en tempo real grazas á tecnoloxía de Google Maps.

O rastrexador entrará en acción mañá, 24 de decembro, pero se accedemos antes á plataforma, atoparemos unha conta atrás para o gran momento, e detalles curiosos como a súa primeira parada no Extremo Oriente ruso ás 22:00, hora local.

Pero Santa Tracker non só é unha ferramenta para seguir a Papá Noel, senón tamén un espazo dixital repleto de xogos e actividades para entreter a toda a familia. A gran novidade deste ano é que moitas das opcións están dispoñíbeis en galego, permitindo que as crianzas do noso país poidan mergullarse no mundo de Papá Noel na súa propia lingua.

Xogos para todos os gustos

Entre as actividades destacadas temos:

  • Laboratorio de programación “Baile de código”, onde nenos e maiores poden aprender as bases da programación dun xeito divertido.
  • Pelexas de bólas de neve, un clásico para competir e rir en familia.
  • Tradicións de Nadal de todo o mundo, agora en galego, para descubrir como celebran estas datas noutras culturas.
  • Talleres creativos, con opcións para pintar, crear animacións e aprender novas habilidades.
  • Test de Nadal e xeografía, perfectos para poñer a proba o coñecemento dos máis curiosos.

Como usar Santa Tracker

Santa Tracker está dispoñíbel para dispositivos Android e iOS a través de aplicacións, pero tamén podemos acceder sen ter que instalar nada desde a páxina web.

Santa Tracker | Web oficial

Sobre o autor

Reply