Que sabemos da serie Galaxy S25?

Co 2025 á volta da esquina, Samsung prepárase para un dos eventos máis agardados do calendario tecnolóxico: o Galaxy Unpacked. Unha cita na que o fabricante surcoreano revelará a nova serie Galaxy S25, froito de varias filtracións nas últimas semanas.

Como agasallo de Nadal adiantado, fomos recollendo varias informacións que saíron nestes días nun único lugar, e isto é todo o que sabemos.

Un deseño continuísta, pero refinado.

As imaxes filtradas dos modelos Galaxy S25, S25+ e S25 Ultra confirman que Samsung apostará pola continuidade no deseño. Os dispositivos manterán un estilo sobrio cun panel traseiro plano e cámaras dispostas de maneira independente.

Porén, o modelo Ultra destacará grazas á redución significativa dos biseis que rodean a pantalla, ofrecendo unha experiencia aínda máis inmersiva. Ademais, espérase que Samsung mellore a resistencia dos seus dispositivos con materiais máis duradeiros, como unha nova xeración de cristal Gorilla Glass Victus e certificacións de impermeabilidade máis avanzadas.

En canto á estética, a liña será especialmente colorida, con sete opcións de cor dispoñibles, que inclúen tonalidades innovadoras como o verde jade titanio ou o ouro rosa, que haberá que ver a que modelo chega cada un deles.

Hardware actualizado

No que respecta ao hardware, hai fontes que falan da presenza de diferentes procesadores para os distintos modelos da serie. Isto sería unha novidade, xa que até o de agora víñase apostando por procesdores diferentes para diferentes mercados. O que parece claro é que o principal procesador será o Snapdragon 8 Elite (seguramente optimizado para Samsung), que podería alternar co Exynos 2500 ou o MediaTek Dimensity 9400 nalgúns modelos.

A conectividade será outro punto forte, incluíndo 5G, Wi-Fi 7 e Bluetooth, acompañados de baterías de maior capacidade e soporte para carga sen fíos co estándar Qi2. O modelo Ultra ofrecerá até 16 GB de RAM, consolidándose como unha opción de alta gama.

A serie Galaxy S25 promete tamén importantes avances en fotografía, especialmente no modelo Ultra, que contará cun sensor principal de 50 MP máis grande, un ultra gran angular de 50 MP e un teleobxectivo tamén de 50 MP. Ademais, a integración da intelixencia artificial permitirá mellorar a calidade das imaxes en condicións de pouca luz e optimizar o recoñecemento de escenas.

Data de lanzamento

Segundo o reputado filtrador Evan Blass, o evento Galaxy Unpacked celebrarase o 22 de xaneiro de 2025, día no que Samsung presentará oficialmente a nova serie Galaxy S25.

En canto aos prezos, espérase un lixeiro incremento respecto á xeración anterior, en liña coa tendencia do mercado. Con todo, Samsung podería ofrecer opcións competitivas en función das configuracións de cada modelo.

Sobre o autor

Reply