Máis móbiles que chegarán con 7.000 mAh no 2025: o POCO F7

Logo de ter deixado de lado a capacidade das baterías en favor das tecnoloxías de carga rápida, agora semella haber un lixeiro cambio de estratexias. Se hai unhas semanas falabamos do RedMagic 10 Pro, que destacou pola súa batería de 7.000 mAh, agora temos unha nova proposta que promete ir na mesma liña: o POCO F7, que verá a luz de forma oficial no 2025.

O POCO F7 será un dos primeiros dispositivos da marca en incorporar unha batería de 7.000 mAh, unha cifra que supera amplamente os estándares actuais da gama media-alta. Este tipo de baterías, cada vez máis frecuentes grazas ao uso da tecnoloxía de silicio-carbono, permiten ofrecer unha gran autonomía sen comprometer o deseño ou a delgadez do dispositivo. Ademais da súa capacidade, o POCO F7 virá acompañado de carga rápida por cable de 90 W, garantindo tempos de recarga mínimos.

Máis aló da batería: pantalla, procesador e deseño

O terminal estará equipado cunha pantalla AMOLED LTPS de 1,5K, o que ofrecerá cores vibrantes, nitidez e unha experiencia visual inmersiva, ideal tanto para o consumo multimedia como para os xogos. En canto ao procesador, os rumores apuntan ao uso do novo Snapdragon 8s Elite, aínda sen anunciar oficialmente, como motor principal deste modelo. Este chip, algo inferior ao Snapdragon 8 Elite, promete un equilibrio entre eficiencia enerxética e rendemento, posicionado como unha opción atractiva para o segmento.

En termos de estética o POCO F7 apunta a un deseño elegante e minimalista, moi inspirado na liña Galaxy S24 de Samsung. Este enfoque procura atraer usuarias que valoren un acabado premium sen renunciar a un prezo competitivo, unha das marcas da casa en POCO.

Variantes e data de lanzamento

Xunto co modelo base, as filtracións que se veñen producindo apuntan tamén ao lanzamento dunha variante POCO F7 Pro, que podería incluír melloras no procesador e na configuración de cámaras.

En canto ao seu lanzamento, a data sinalada no calendario para a chegada do POCO F7 é o mes de abril de 2025, segundo revelou o reputado filtrador Digital Chat Station a través de Weibo. A submarca de Xiaomi busca con este lanzamento consolidar a súa posición no mercado global como unha opción que combina potencia, autonomía e deseño a un prezo accesible.

Sobre o autor

Reply