O Samsung Galaxy S25 Ultra, o modelo máis avanzado da próxima serie Galaxy S25, segue xerando expectativas. As últimas filtracións proporcionaron máis datos da folla de especificacións, que máis aló de confirmar as súas características de primeiro nivel, tamén suscitan dúbidas sobre as súas diferenzas co modelo predecesor.
Ademais, como xa vimos comentando nas últimas semanas, todo apunta a que a súa presentación oficial terá lugar o 22 de xaneiro de 2025, durante o Samsung Unpacked, un dos eventos clave no calendario tecnolóxico anual do panorama Android.
Especificacións desveladas do Galaxy S25 Ultra
Cos datos que foron aparecendo nas últimas filtracións, o Galaxy S25 Ultra viría equipado coas seguintes características:
- Pantalla de 6,8 polgadas QHD LTPO AMOLED, con 120 Hz de frecuencia.
- Procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite.
- RAM: versións de 12 e 16 GB para unha experiencia fluída en multitarefa (é moi probábel que ao noso país chegue unicamente na versión de 16 GB).
- Almacenaxe interna de até 1 TB.
- Cámara traseira cuádruple, con sensores de 200 MP, 50 MP (ultra gran ungular), 50 MP e 10 MP.
- Cámara dianteira de 12 MP.
- Batería de 5.000 mAh, con carga rápida de 45W e carga sen fíos.
- Android 15, estreando a capa One UI 7.
Comparación co Galaxy S24 Ultra
Malia que o Galaxy S25 Ultra incorpora melloras, como un sensor ultragrande angular de 50 MP e unha maior memoria RAM, moitas das súas características coinciden co Galaxy S24 Ultra: mesma pantalla, batería e velocidades de carga. Mesmo o deseño é semellante, aínda que co regreso aos bordes redondeados.
Unha das grandes apostas do S25 Ultra será a mellora nas funcións de intelixencia artificial Galaxy AI, un asistente intelixente potenciado por modelos de linguaxe avanzados. Esta actualización pretende ofrecer unha experiencia máis personalizada e eficiente, destacando en tarefas como a produtividade e a interacción por voz.
Como é habitual nesta gama, un dos maiores desafíos será o prezo. A súa escasa diferenza respecto á xeración anterior fará que moitas usuarias que adoitan mudar anualmente o seu dispositivo opten por manter o Galaxy S24 Ultra, especialmente se a diferenza de prezo é significativa.
Samsung Unpacked o 22 de xaneiro
O 22 de xaneiro de 2025 parece ser a data escollida para o próximo Samsung Unpacked. Un escenario no que Samsung presentaría toda a serie Galaxy S25, formada polos tres dispositivos habituais: Galaxy S25, Galaxy S25+ e Galaxy S25 Ultra.
Porén, non sería raro atopar sorpresas en accesorios que axuden a reforzar o ecosistema Galaxy, polo que estaremos atentas ao evento e ás posíbeis novidades que poidan ir saíndo de aquí até ese momento.