Pepephone, unha das marcas do Grupo MasOrange que destaca polo foco no cliente, está a anunciar estes días cambios nas súas tarifas que inclúen o servizo de Netflix. A partir do 1 de febreiro de 2025, as usuarias terán que adaptarse a novas condicións que inclúen a desaparición do plan Básico e a introdución do plan Estándar con anuncios a un prezo máis baixo. Este movemento alíñase coa estratexia global de Netflix, que xa eliminou o plan Básico da súa oferta en moitos mercados.
Novas opcións para as usuarias de Pepephone con Netflix
Os cambios afectan especialmente ás usuarias que até agora gozaban do plan Básico, que desaparece das opcións dispoñíbeis. A partir de febreiro, disporán de tres alternativas principais:
- Plan Estándar con anuncios: unha opción económica que permite aforrar un euro ao mes en comparación co plan Básico. Este plan ofrece reprodución en Full HD e acceso a dous dispositivos simultaneamente, pero inclúe pausas publicitarias.
- Plan Estándar sen anuncios: para quen prefiran unha experiencia sen interrupcións, este plan mantén as mesmas características de resolución e dispositivos, pero sen publicidade, a cambio dun custo adicional de 7 euros máis ao mes.
- Plan Premium: destinado ás usuarias máis esixentes, permite reproducir contidos en 4K, con até catro dispositivos simultáneos e a opción de engadir até dúas usuarias extra, pagando unha cota adicional de 5,99 euros por cada un.
De non comunicar a súa preferencia antes de febreiro, e para evitar sorpresas desagradábeis na factura, Pepephone realizará automaticamente o cambio ao plan Estándar con anuncios, asegurando unha transición sen custos adicionais.
Plan Estándar con anuncios de Netflix
Esta modalidade busca ofrecer un equilibrio entre prezo e funcionalidade. Permite a reprodución en dúas pantallas ao mesmo tempo, con calidade Full HD, pero introduce pausas publicitarias no comezo e -ás veces- durante o consumo de contido.
Malia isto, mantén unha boa relación calidade-prezo para aquelas usuarias que queren reducir custos sen renunciar ao acceso á ampla filmoteca de Netflix.