Novos portátiles Xiaomi Redmi Book 14 e 16 (2025): equilibrio entre rendemento e deseño

Xiaomi anunciou a súa nova serie de portátiles Redmi Book 14 e Redmi Book 16 para 2025. Estes modelos, xa dispoñíbeis na China, posiciónanse como unha opción destacada na gama media grazas ao seu rendemento, deseño moderno e unha impresionante autonomía de batería.

Rendemento de última xeración con Intel Core

A serie Redmi Book 14/16 equipa os máis recentes Intel Core i5-220H, baseados na arquitectura Raptor Lake-H Refresh. Estes procesadores contan con 4 núcleos de alto rendemento e 8 núcleos de eficiencia, permitindo acadar velocidades de ata 4,9 GHz. A tecnoloxía Hyper-Threading permite xestionar até 16 tarefas simultáneas, garantindo un rendemento fluído para traballos multitarefa, deseño gráfico ou mesmo edición de vídeo.

Opcións de almacenaxe adaptadas a todas as usuarias

Os novos portátiles están dispoñíbeis en tres configuracións, ofrecendo solucións tanto para usuarias ocasionais como para profesionais:

  • Modelo básico: 16 GB de RAM e un SSD de 512 GB.
  • Modelo intermedio: 16 GB de RAM e un SSD de 1 TB.
  • Modelo superior: 32 GB de RAM e un SSD de 1 TB, ideal para tarefas esixentes como edición avanzada de vídeo ou uso de aplicacións intensivas.

Esta versatilidade permite ás usuarias escoller a configuración máis axeitada segundo as súas necesidades.

Deseño moderno e batería de longa duración

Unha das grandes novidades está no deseño minimalista da serie, destacando o novo logotipo “Redmi” en estilo tipográfico e un acabado en prata gris, que lle dá un aspecto limpo e profesional. Ademais, a tecnoloxía de refrixeración mellorada permite xestionar ata 47 W de potencia, garantindo un rendemento estábel mesmo en momentos de máxima carga.

Un dos puntos máis destacados é a autonomía: Xiaomi asegura que os portátiles poden alcanzar até 19,05 horas de uso continuo, grazas á xestión de batería impulsada por IA. Esta característica é ideal para estudantes e profesionais que necesiten mobilidade sen preocuparse por recargar frecuentemente.

Un ecosistema conectado con HyperOS 2

Os Redmi Book 14 e 16 funcionan baixo HyperOS 2, o sistema operativo de Xiaomi deseñado para ofrecer unha experiencia integrada cos demais dispositivos da marca. Grazas a HyperOS Connect, as usuarias poden sincronizar facilmente os seus portátiles con smartphones Xiaomi, permitindo compartir ficheiros, notificacións e incluso realizar chamadas directamente dende o portátil.

Unha aposta por versatilidade e innovación

O lanzamento dos Redmi Book 14 e 16 achega ás usuarias -de momento só na China- novas alternativas nos equipos portátiles. Con opcións que combinan deseño, rendemento e integración no ecosistema Xiaomi, estes portátiles queren facerse oco na difícil gama media, ofrecendo solucións prácticas tanto para usuarias particulares como para profesionais.

Agora só queda ver como responden nas primeiras probas e se a autonomía prometida cumpre coas expectativas dun mercado cada vez máis esixente.

Sobre o autor

Reply