Anunciado o Xiaomi Redmi Turbo 4

Xiaomi inaugura 2025 co lanzamento do Redmi Turbo 4, un smartphone que combina innovación e rendemento coa última tecnoloxía de MediaTek e unha batería de longa duración. Este modelo non só estreará o novo procesador Dimensity 8400-Ultra, unha versión personalizada para Xiaomi, senón que tamén destaca por incorporar a maior batería vista ata agora nun teléfono da marca.

Esta batería, de 6.550 mAh, está fabricada coa tecnoloxía de celas de carbono-silicio, e acompañada por carga rápida de 90W. Esta combinación permite unha autonomía que supera con moito a media, sendo unha gran opción para aquelas usuarias que demandan un dispositivo que lles acompañe durante longas xornadas de uso.

Máis aló destes dous aspectos, o dispositivo conta cunha pantalla LTPS OLED de 6,77 polgadas e resolución 1220p, con taxas de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de ata 3.200 nits, asegurando unha experiencia visual inmersiva en calquera condición de luz. A protección vén dada polo vidro Gorilla Glass 7i, mentres que o deseño aposta por un acabado posterior de vidro con dúas tonalidades que lle confiren un aspecto moderno e elegante.

No apartado fotográfico, o Turbo 4 destaca polo seu sensor principal de 50 MP con estabilización óptica (OIS) e o sensor Sony LYT-600 (1/1,95”), que promete imaxes nítidas e detalladas. Complétase cunha cámara ultra gran angular de 8 MP, ideal para capturar paisaxes ou fotos grupais. Na parte frontal, un sensor OV20B de 20 MP asegura selfies de gran calidade.

O procesador Dimensity 8400-Ultra, está acompañado de opcións de até 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno, garantindo un rendemento fluído tanto en xogos como en multitarefa. Ademais, o dispositivo ofrece resistencia IP66/68/69 contra a auga e o po.

Dispoñibilidade e prezo

O Redmi Turbo 4 estará dispoñíbel en tres cores: negro, branco e azul mariño. Na China, xa está á venda a través das canles oficiais de Xiaomi cun prezo que parte dos 1.999 CNY (uns 250 euros) para a versión base de 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, e acada os 2.499 CNY (uns 310 euros) para a versión superior de 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.

O Redmi Turbo 4 será lanzado nos mercados globais baixo o nome de POCO X7 Pro, coa súa presentación programada para o próximo 9 de xaneiro de 2025. Con especificacións competitivas e un prezo accesíbel, este modelo promete converterse nunha opción destacada na gama media Android.

Sobre o autor

Reply