Telefónica comeza o 2025 consolidando o seu liderado en conectividade móbil e fixa, acadando unha cobertura 5G superior ao 90% da poboación no conxunto do Estado. Ademais, a operadora amplía a súa presenza en ambas as bandas clave para esta tecnoloxía: os 3.500 MHz, orientados a altas prestacións, e os 700 MHz, que reforzan o servizo en interiores e amplían o alcance en exteriores.
1.500 concellos con 5G+
O despregamento da banda de 3.500 MHz, que dá soporte ao 5G real (comercializado como 5G+), xa cobre 1.500 concellos, marcando un crecemento do 50% nos últimos seis meses. Esta banda, que se caracteriza por ofrecer velocidades ultra rápidas e latencia mínima, é clave tanto para usuarias particulares como para empresas.
Tecnoloxías como o Network Slicing, que permite personalizar a calidade da rede segundo as necesidades de sectores específicos, están a revolucionar as posibilidades para negocios e industrias.
Cobertura ampliada na banda de 700 MHz
Mentres tanto, o despregamento na banda de 700 MHz segue avanzando, acadando xa 3.585 concellos. Esta frecuencia, pola súa capacidade de propagación, é ideal para mellorar a cobertura en interiores e ofrecer unha rede máis ampla en exteriores, garantindo así unha experiencia de conectividade robusta tanto no rural como nas cidades.
Unha progresión continua desde 2020, e referente en fibra óptica
Desde o lanzamento do seu servizo 5G en setembro de 2020, Telefónica experimentou un incremento continuo na cobertura, pasando dun 78% inicial a superar agora o 90%, consolidándose como líder no despregamento desta tecnoloxía no conxunto do Estado, algo que tamén inflúe a súa superioridade no número de antenas.
En paralelo ao desenvolvemento da rede 5G, Telefónica mantén o liderado na rede de fibra óptica FTTH, considerada a máis avanzada de Europa e un referente a nivel global. Esta combinación de 5G e fibra óptica coloca á compañía como unha das mellores opcións en conectividade, ofrecendo unha boa experiencia tanto en interiores como en exteriores.