Novo procesador MediaTek Dimensity 8400: IA avanzada e xogo de última xeración

MediaTek presentou oficialmente o Dimensity 8400, un procesador que incorpora avances en intelixencia artificial xerativa, rendemento en xogos e eficiencia enerxética, destacando como o primeiro procesador All Big Core deseñado especificamente para dispositivos móbiles de alta gama.

O Dimensity 8400 está construído sobre o legado do exitoso Dimensity 9400, integrando unha CPU Arm Cortex-A725 de oito núcleos cunha frecuencia de ata 3.25 GHz, ofrecendo un rendemento multinúcleo un 41% superior ao do seu predecesor, o Dimensity 8300. Isto vén acompañado dunha optimización enerxética destacábel, reducindo o consumo máximo nun 44% en comparación coa xeración anterior.

No apartado gráfico, a GPU Arm Mali-G720 proporciona un rendemento un 24% superior e mellora a eficiencia enerxética nun 42%. Ademais, MediaTek implementou a súa tecnoloxía Frame Rate Converter (MFRC) para ofrecer unha experiencia de xogo fluída, e a ferramenta Adaptive Gaming Technology (MAGT) 3.0, que optimiza o rendemento dos xogos en tempo real.

IA xerativa ao alcance da man

O Dimensity 8400 está deseñado para potenciar aplicacións de intelixencia artificial xerativa grazas á súa NPU 880, que admite modelos avanzados de linguaxe e xeración multimedia. A integración do Dimensity Agentic AI Engine (DAE) permite ás desenvolvedoras crear aplicacións que non só responden ás necesidades das usuarias, senón que as anticipan e se adaptan de maneira personalizada.

Funcións como a tradución avanzada, reescrita de texto, xeración de contido e gravación con IA serán agora máis rápidas e accesíbeis nos smartphones que incorporen este novo procesador.

Fotografía e conectividade

No apartado fotográfico, o procesador inclúe o ISP MediaTek Imagiq 1080, que aproveita a tecnoloxía QPD remosaico para capturar máis luz e enfocar con maior precisión. Isto tradúcese en imaxes de alta resolución e gravacións de vídeo HDR en todo o rango de zoom.

En conectividade, o Dimensity 8400 incorpora un módem 5G-A con soporte para agregación de ata 3CC-CA e velocidades de descarga de até 5.17 Gbps. Tamén integra o Network Observation System (NOS), que optimiza a transición entre redes 5G e Wi-Fi, mellorando a eficiencia enerxética e asegurando unha conexión estábel.

Primeiro smartphone co MediaTek Dimensity 8400

O Dimensity 8400, que segundo MediaTek simboliza “o equilibrio perfecto entre rendemento e eficiencia”, chegará a varios smartphones ao longo deste primeiro semestre do 2025, entre eles o novo Xiaomi Redmi Turbo 4, do que falamos hai un par de días.

Sobre o autor

Reply